O Monte da Paralaia, orixe de lendas

Moaña é un deses concellos nos que podemos atopar centos de lendas relacionadas cunha gran variedade de sitios que adoitan corresponder ao patrimonio natural (pedras, covas, lagoas, lugares históricos). O Monte da Paralaia é un deses lugares máxicos onde máis lendas rexistra a tradición oral. Vexamos algunhas. 

A cova da Paralaia

O monte da Paralaia é o lugar de Moaña que máis lendas recolle. Unha das localizacións máis importantes en relación ás lendas é a Cova da Paralaia, que se atopa baixo duns enormes penedos no outeiro deste monte. Está situado ao Oeste do Concello, colindando coa parroquia de Santiago de Ermelo, de Bueu. Pertence a parroquia de San Martiño de Moaña e, popularmente, falábase da cova como un refuxio utilizado antigamente polos mouros, ou para refuxio dos rapaces adicados ao pastoreo. Incluso algúns din que foi utilizada como agoche durante a Guerra Civil. Recolléronse varias lendas tipificadas de procedencia castrexa, pero curiosamente os vestixios máis próximos de esta cultura os atopamos no Monte da Pena e no castro de San Martiño, que aínda quedan distantes. Na Paralaia só se documentan restos de mámoas por detrás do monte, no Chan de Ermelo. Varios informantes deron descricións ambiguas, sendo a mellor detallada a dada en 1974 por don Remixio Xiráldez. Segundo el, a entrada tiña dous metros de altura, seguida dunha bóveda moi grande onde converxían varias galerías.

Esta información coincide con outra recollida no Concello de Bueu, que di que a cova tiña un ensanchamento e a 10 metros da entrada partían catro ou cinco galerías e nunha había unha pedra con debuxos. Tamén di que a cova foi obstruída fai pouco. Foron moitas as ocasión nas que o Grupo Arqueolóxico tentou atopar a entrada descrita sen resultados positivos. Aínda máis, algúns dos guías que aseguraban coñecela afirmaron que a cova foi abatida por un corremento dos penedos, fechando o paso ás galerías e quedando somentes unha cavidade para acoller sete ou oito persoas en incómoda posición. Esta foi a única cova atopada. 

Se os árabes (mouros) apenas estiveron en Galicia, o topónimo Paralaia ben semella desta cultura. Non obstante, Cesar Varela opta por afirmar que é unha variante de “paralaxe” (pedra-laxe). Foneticamente, “pedra” deriva a menudo en “pera”, non así “laxe” en “laia”. É máis aceptable a procedencia de “pedralar” que podería significar “pedra-casa” si se relaciona coa cova, ou “pedra-lareira” se atendemos a orografía dos penedos. E incluso no senso de culto podería ser Peralaia ou “pedra dos lamentos”, que xunto coa de Domaio sería a segunda atopada en Moaña. 

Lendas sobre o monte da Paralaia

As lendas arredor da cova son moi numerosas, polo que recollemos aquí algunhas das máis significativas.

Un home, ao pasar pola canexa do Paralaia, mirou a un mouro ao pé da cova. O mouro faloulle e díxolle que estaba encantado e, para desencantalo, tiña que volver o día seguinte cun saco, o mouro converteríase en cobra e se o home lograba metela no saco romperíase o encanto e premiaríano con grandes fortunas. O día seguinte, o home foi cun amigo, pois tiña medo de ir só. Ao chegar as doce da noite, mentres o amigo agardaba un pouco máis abaixo, o home foi á cova e viu ao mouro convertido en cobra. Abriu o saco e púxoo a ras do chan para collela. Entón comezaron a entrar moitos bechos, sapos, cobras, lagartos, etc. O mirar todo aquilo, o home colleu medo e saíu correndo. O amigo, ao miralo tan pálido, preguntoulle por que fuxira. Ao contarlle o home o sucedido, o amigo non o creu e foi el mesmo a comprobalo. Ao subir, mirou aos bechos e encheu o saco con eles. Ao chegar a casa, abriuno e estaba cheo de ouro.

A lenda recollida por Xosé Francisco Pérez Blanco, achéganos ao ano 1895:

Chegou un mouro ao Pazo do Rosal a pedirlle á “Mona”, dona do pazo, un carro de bois para ir ao buraco da Moura Paralaia. Cando entrou o mouro na cova, díxolles que agardaran fóra. Nada máis adentrarse comezou a ventar,  chover e tronar durante media hora até saír o mouro cunha figura ao lombo que dixo corresponder a un santo. Despois de metela no carro, baixaron á praia da Xunqueira. Alí baixárona até o mar e o mouro montouse nela, e nunca máis se soubo del. Un ano despois, a señora “Mona” recibiu un agasallo do mouro. Era un paquete cun pano de seda vermello dentro, xunto cunhas letras de agradecemento opolo carro e os criados. Para acordarse del debía amarrar o pano no sitio que quixese. O amarrou dunha nogueira a que lle tiña aprecio. Segundo contan, amarrouno a unha póla e ao día seguinte desapareceu. 

En 1986, Eugenio Freire Pérez cóntanos que:

un home, con poucas ganas de traballar, estaba tomando o sol arrimado a un valado, entón achegouse outro home, ben vestido, con sombreiro e bastón. Este preguntoulle ao primeiro home se quería gañar vinte pesos facendo un recado no monte da Paralaia. O home que estaba estribado no valado preguntoulle primeiro a súa muller, que aceptou a proposta. O cabaleiro rebaixoulle a oferta a quince pesos, polo que tivo que volver a preguntarlle a muller. Así constantemente até que a proposta quedou soamente en cinco pesos. O cabaleiro díxolle ao home que, ao chegar á Paralaia, tiña que chamar pola súa sorte e dicirlle que non ten onde meter tanto carto. Unha vez no monte, o home berrou pola sorte do cabaleiro e apareceu unha fermosa moza cargada de xoias que lle dixo: “Dille que a súa sorte é tan grande que sempre terá moitos cartos”. Dito isto, desapareceu. O home tentou entón probar pola súa propia sorte. Chamouna e apareceu unha vella chea de farrapos vellos que lle preguntou ao home que quería. El respondeu que quería cartos e a vella respondeulle que traballase. 

Por último, temos aquela lenda que di que preto da cova atópase a pedra do Mediodía:

Un día un rapaz de Cela pasou por alí, mirou a dúas princesas encantadas e preguntoulles que facían alí. Elas responderon que eran fillas do rei de Provenza e que estaban alí por mor dun encanto feito por un “jalife” (apelido de procedencia árabe) que as deixaba saír cada cen anos. Se quería desencantalas, tería que ir ao día seguinte e coller dúas cobras que sairían do mesmo sitio e que non se asustara do que fixeran, aínda que se lle achegara, pois eran moi ricas e ao quedar desencantadas daríanlle moito ouro. O rapaz foi ao día seguinte e cando mirou ás cobras asustouse e berrou. Por mor disto, as cobras caeron moribundas. O rapaz adentrouse nunha buraca e mirou moito ouro, logo entraron as cobras e dixéronlle: “Se non querías desencantarnos, escusache vir a facernos dano, xa que até agora saíamos cada cen anos, agora non volveremos a saír até a consumación do mundo”. Ao dicir isto desapareceron elas e o tesouro. 

Bibliografía
  • Villaverde Román, X.C. (2012). Lendas de Moaña. Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación