A Poza da Moura, lendas e tradición roal

A Poza da Moura é un dos lugares máis apreciados do concello de Moaña debido á súa fermosa paisaxe. Porén, é protagonista de algunhas das lendas máis transmitidas por tradición oral da vila. 

 

A Poza da Moura localízase no Monte Domaio, en Moaña. É un pequeno encoro natural formado por auga procedente do río Muíños. O encoro desemboca formando unha fervenza dando orixe a un pozo de augas cristalinas e frías. Antes de chegar ao encoro, podemos observar un vello muíño que aínda mantén os surcos creados polo auga. A poza ten unha historia romántica e tráxica, pois contan que por eses lares vivía unha moura. 

Frecuentemente, as lendas dos mouros e mouras están vinculadas a un xacemento arqueolóxico ou a un monumento relixioso. Procurando o significado etnográfico, Vicente Risco define as mouras e mouros como ritos pagáns, de vestixios prehistóricos que semellan símbolos da mitoloxía prehistórica, posiblemente de orixe nórdico ou centroeuropeo. Son seres sobrenaturais que non pertencen á nosa especie. Son seres morenos, pel escura e os antepasados que construíron os monumentos antigos, algúns con encantamento de albergar tesouros. Eran os grandes protagonistas da mitoloxía popular que foron encadrándose segundo as circunstancias do período no que se narren as lendas. Así, descríbense como entes non cristiáns, pero pola contra posúen grandes riquezas e poderes que ofrecían en troques dun desencanto moi doado. Poden tomarse como unha variante da figura goethiana de Mefistófeles, mais sen os poderes diabólicos e maléficos. As mouras, mulleres en xeral de singular beleza, adoitan ter moita relación cas augas. O etnógrafo Chivite intúe isto como unha reminiscencia das divindades acuáticas (“ninfas”), ás que a tradición popular transforma en mouras, doncelas, donas, mozas, etc. Alonso del Real paraleliza as lendas das mouras que aparecen peiteándose na noite de San Xoán cun vello ciclo mitolóxico do mundo mediterráneo en relación coa fertilidade. O que si é indiscutible é o significado das mouras e a influencia do baixo medievo, entendendo como unha necesidade de riqueza poo campesiñado que pola propia condición xamais chegaría a alcanzar. Non podemos saber se estas lendas teñen reminiscencia coa deusa Fortuna. 

As diferentes versións da lenda.

A convivencia de distintas narracións sobre a Poza da Moura é propia dunha cultura popular viva e manifesta a nosa rica e variada tradición oral.

Estas lendas están recollidas nunha recomposición, feita por Celia Sanjorge, no Faro de Vigo, o 19 de xaneiro de 1985. Aparte da súa interpretación, presenta valores etnográficos válidos. 

En canto a unhas das lendas, relata que:

En tempos remotos viviu no lugar unha fermosa moza, muller de cabelos longos e louros que se peiteaba cun peite de ouro. Polo serán somerxíase na poza e emerxía ao día seguinte para sentarse na laxe e cantar unhas melodiosas cantigas. Polo mediodía asollaba o millo recollido que se convertía en ouro. Certo día, cando os mozos baixaban co rebaño, unha cabra acercouse para comer o millo. A moura, para espantar ao animal, tiroulle o peite de ouro, que recolleu o zagal. A moza correu tras del para recuperalo, sen conseguilo. Logo díxolle: “anda rapaz, que levas peite para os teus fillos, netos, bisnetos e tataranetos”. Houbo outro mozo que, prendado da moura, prometeulle calquera cousa para desencantala. A moura díxolle: “se queres desencantarme deber ser valente e, vexas o que vexas, oias o que oias, non te asustes. Quédate e axúdame”. Así o fixo, pero o rapaz, nas primeiras probas, ao ver rodando cara el unhas rodas de muíño, asustouse e fuxiu, evitando así o desencanto. 

Outra versión da lenda, recollida por Xulio Táboas en 1981, conta que:

Todos os días pola mañá, saía da poza unha moura de longos cabelos que, despois de peitealos ben, deixaba o peite de outro atrás dela e botaba horas asollándose. Correuse o rumor por Domaio de que o peite tiña un encanto. Un día un mozo agardou achantado toda a noite. A moura, sen decatarse da súa presenza, repetiu a faena de sempre, deixando o peite detrás dela e deitándose na laxe. Neste intre, o rapaz aproveitou para achegarse paseniño, sen facer ruído, até coller o peite. Foi entón cando botou a correr sen parar e sen mirar para atrás, pois sabía que se o facía quedaría sen encanto. Ao chegar a súa casa gardou o peite nunha arqueta. Ao cabo duns días foi comprobar se seguía no mesmo sitio e atopouse coa sorpresa de que o baúl estaba cheo de ouro.

No mesmo ano, Xosé Piñeiro achéganos outra lenda máis, que di así:

Fuxindo das guerras da Reconquista, chega a Domaio un príncipe mouro e a súa filla moi fermosa. Foron vivir para o monte, onde mantivo cautiva á filla para que ninguén a mirase. Co paso do tempo, un pastor chegou a coñecela e mesmo chegaron a namorarse. O pai mouro, ao decatarse das relacións, enfadouse e, enrabiado, deu morte ao zagal e máis ao seu gando. A princesa fuxiu triste sen parar até chegar ao río da Pasaxe e alí, desesperada, decidiu afogarse nunha poza moi profunda labrada pola caída da auga. Non se sabe si chegou a afogar, pois contan as vellas xeracións que, en certas noites de verán, teñen escoitado choros e suspiros de muller, pero ao achegarse para mirar quen era, tiñan a sensación de que alguén se somerxía naquela poza sen fondo. 

Por último, convive outra versión da lenda que narra que:

Na Poza da Moura vivía unha serea moura que cantaba moi ben e que, co seu canto, prendaba a todos aqueles que se lle achegaban. Un día, un home chamado “Carroque”, sen que a moura se decatase, achegouse e roboulle o peite de ouro. Enrrabiada polo engano, a moura mataba a todos os homes que se atopaba até que un día desapareceu e xamais se soubo dela. “Carroque” vendeu o peite e déronlle moitos cartos. 

 


Bibliografía
  • Villaverde Román, X.C. (2012). Lendas de Moaña. Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.  

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación