Os obxectos descubertos no Castro de Montealegre

A ubicación do castro proporcionaba o control completo da entrada da Ría de Vigo e acceso ao comercio. En consecuencia, apareceron nas excavacións materiais autóctonos e de importación, como cerámicas de mesa e de cociña. 

A cerámica fabricada polos poboadores autóctonos.

Os obxectos descubertos no Castro de Montealegre - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.22.04

A única cerámica que aparece en niveis de uso ben datados é a que podemos encadrar no período comprendido entre mediados do séculos II a.C. e o terceiro cuarto do I a.C. O conxunto cerámico caracterízase por dúas formas predominantes: as olas de bordo arestado marítimo, as máis abundantes, e as olas de bordo reforzado tipo Vigo. Ademais, aparece un conxunto de xerras de bordo simple esvasado e medianas dimensións, que viñan documentándose dende o período anterior. Os bordos tipo Cíes evolucionan cara formas máis pequenas e redondeadas. Rexístranse decoracións abondosas e variadas, mais feitas con pouco coidado e case todas elas pódense relacionar con bordos tipo Vigo. Predomina a decoración plástica, que alcanza o seu apoxeo nunhas pequenas vasillas barrocamente ornadas e probablemente rituais.

Os niveis anteriores aparecen con materiais residuais, nos alicerces das cabanas ou en trampas sedimentarias, así como na superficie, en parte rolados da área superior do castro. Os niveis posteriores foron igualmente arrasados, e só se conservan ben nunha das cabanas, onde, desafortunadamente os materiais cerámicos aparecen moi mesturados. A vantaxe é que posuímos un conxunto crono-tipolíxico prerromano serodio moi ben delimitado, que con frecuencia ten sido atribuído a momentos posteriores. 

Os obxectos descubertos no Castro de Montealegre - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.22.15

A cerámica de importación: o comercio coas civilizacións mediterráneas e o Castro de Montealegre.

O castro de Montealegre foi importante en canto ao comercio, coa documentación dunha fase non moi ben coñecida polo de agora nos castros do Noroeste: a comprendida entre o final da Segunda Guerra Púnica (201 a.C.) e os inicios do período augusteo (29 a.C.). O 65% dos materiais anfóricos recuperados pertencen a este período, mentres que o 35% restante corresponde á época augustea. Os elementos localizados do período anterior á ocupación romana do Noroeste forman un conxunto que aparecen en toda a fachada atlántica e occidental mediterránea. Inclúen ánforas itálicas Dressel 1, ánforas tardopúnicas Mañá C2 e kalathos ibéricos. Ademais, identificáronse por primeira vez ánforas turdetanas Pellicer D.


A chegada até esta zona de tais importacións demostra que o Noroeste mantívose, dende o século V a.C., dentro das correntes comerciais mediterráneas e que o apoxeo comercial nos castros de época xulio-claudia ten un bo precedente no período tardorrepublicano. Dende outro punto de vista, as importacións de Montealegre axudan a definir a cronoloxía dos materiais prerromanos da Fase III castrexa. 

As fusaiolas, as fichas e o traballo dos tecidos. 

Os obxectos descubertos no Castro de Montealegre - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.22.29

A mostra está formada por un total de cincuenta fusaiolas e corenta fichas, que destacan pola variedade tanto dende o punto de vista formal como da materia prima empregada. Trátase dun material que se complementa con outro asociado como pesas de tear ou agullas de bronce. 

As fusaiolas, as pesas de tear e as agullas deberon estar presentes en diferentes fases de transformación de fibras téxtiles e tecidos. Pola contra, as fichas cerámicas nada teñen que ver coa actividade téxtil, pero as súas similitudes coas fusaiolas realizadas a partir de fragmentos de cerámica reutilizada, lévanos a facer unha análise comparativa na procura de similitudes e diferenzas. Só tres fusaiolas presentan decoración, algo que se documentan en poucas pezas do contexto da Cultura Castrexa galega. Nunha fusaiola ósea atopamos coviñas semiesféricas localizadas na cara plana da peza, de distribución irregular, cubrindo a superficie e realizadas con algún tipo de elemento perforador, pois son moi regulares. Na peza modelada atopamos un sistema propio da cerámica, a estampilla, representada por un motivo de círculos concéntricos distribuídos de forma perimetral polo cono superior. Por último, nunha peza lítica fragmentada atopamos a técnica de incisión para a realización de dúas liñas de distribución radial.

En canto ás fichas, son un material con características concretas, asociado ás fusaiolas, pola súa similitude, principalmente coas de cerámica reutilizada, xa que semellan unha fase inicial do traballo de elaboración dunha delas, que fica pendente de ser perforada. Polo de agora non se atopan datos que relacionen estas pezas entre si de forma clara, e moito menos coa actividade téxtil. 

No conxunto do castro optouse pola reutilización de fragmentos cerámicos para a súa elaboración, na maior parte dos casos cerámica castrexa, aínda que en once fichas recorreuse a material foráneo, concretamente a fragmentos de ánfora. 

Como peculiaridade destacamos doce fichas que presentan perforacións só iniciadas nunha das caras e, nun exemplar, unha por cada lado. Estas perforacións están centradas e presentan unha sección cónica e planta circular, salvo unha que é totalmente irregular. Arredor do 60% das pezas estudadas foron localizadas na ladeira oeste, nun espazo habitacional, mentres que as restantes no concheiro da ladeira contraria. 

Os obxectos descubertos no Castro de Montealegre - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.22.40

O material lítico: a importancia da pedra no castro.

Debemos destacar o emprego case exclusivo de materias primas de orixe local, sobre todo granito, en resposta á exploración do medio xeolóxico inmediato, e que sería indicativo de tácticas parellas de explotación para a obtención tanto de material construtivo como de instrumentos de traballo. 

En canto ao seu estado de conservación, cónstase un elevado índice de fracturación, o que podería explicarse por diferentes causas. Unha delas en relación co elevado uso e amortización de determinados útiles, pois as zonas de fractura son coincidentes coas superficies onde se aplica a maior presión durante o seu uso. Outra explicación viría dada polos diferentes procesos deposicionais e postdeposicionais, que ademais teñen o seu reflexo en que as alteracións e fracturas se amosan en case todo o conxunto material. 

Debemos destacar que o maior número de material está representado polo instrumental de moenda. A realidade cuantitativa e a variedade morfolóxica destes artefactos son factores que deducen un alto grado de especialización económica, indicando o carácter complentario da recolección, non exclusiva de recursos mariños, na organización socioeconómica do xacemento. 

Destacamos unha diversificación nas actividades subsistencias e na xestión de recursos variados, onde tanto agricultura como a recolección e a pesca teñen un valor considerable, sobre todo, como modos de aproveitamento que permiten ás comunidades unha maior seguridade no seu abastecemento. Esta diversificación vese complementada coa definición do carácter multifuncional de moitos dos artefactos, en relación ao procesado non só de recursos subsistencias, senón tamén instrumentais, e que reflicten a manipulación dunha ampla gama de produtos orgánicos e minerais necesarios no desenvolvemento de actividades artesanais tanto para a produción cerámica como de metal. 

Os obxectos descubertos no Castro de Montealegre - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.22.52

Os achados monetarios e os indicios dunha civilización cun certo grao de desenvolvemento.

No castro atopamos un total de vintecatro moedas, aparecendo conxuntamente vintedúas delas. Na ladeira leste aparecen dúas moedas de Augusto de forma illada, na zona do concheiro. Sabemos que este tipo de moedas de prata utilizábanse para pagar ao exército, pudendo ser utilizadas na zona do Noroeste para pagar as tropas na época de Augusto e Tiberio. 

Na ladeira oeste atopamos un conxunto composto por vintedúas moedas de bronce do século IV d.C., cuxo estado de conservación é bastante malo. Apareceu na zona de habitación, nun depósito de terra. Polo tanto, non podemos coñecer a súa procedencia. O feito da aparición deste conxunto con materiais mediterráneos prerromanos, xunto coa escaseza de elementos romanos altoimperiais na zona habitacional e só dous fragmentos que se poderían encadrar cronoloxicamente nos séculos III e IV a.C. fai pensar no abandono do castro no século I d.C. e na posibilidade dunha posible reocupación do lugar no IV d.C.

As fíbulas e a moda. 

Os obxectos descubertos no Castro de Montealegre - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.23.06

Na campaña dos anos 2003 e 2004 atopouse un conxunto de trinta e nove fíbulas. Delas, tres localizáronse durante a execución das sondaxes, doce na escavación da ladeira oeste e vintecatro na ladeira leste. 

Entre os materiais atopados observamos a fíbula “Golfo de León”, inscrita entre os séculos VI e IV a.C. e que se localiza preferentemente en castros situados no litoral marítimo atlántico e cunha fase ocupacional no Ferro Inicial. Desenvólvese nunha soa peza que forma un arco, o resorte e a agulla. O resorte enrólase sobre un eixo independente, o arco é laminar ou filiforme e o pé é curto e rematado ás veces por un pequeno botón. 

Por outro lado, destacamos o achado dunha fíbula tipo La Tene II, un tipo que se documenta xeralmente na Meseta e Mediterráneo. Son fíbulas que se realizan nunha soa peza, na que o pé volve sobre a ponte, e o resorte continúa sendo de espiras. A súa cronoloxía enmárcase entre os séculos III e I a.C. Os exemplares documentados no castro son tres. 

Outras fíbulas son tipo Sabroso (tipo primitivo dos modelos posthallstáticos), Trasmontano (Ferro II), Anulares de aro interrompido (séculos IV a.C. – I d.C.), anulares en omega (séculos II a.C. e IV d.C.), aucissa (cronoloxía romana), e algúns indeterminados.

Os adornos persoais ou enxovais que marcaban a diferenza.

A maioría das pezas están feitas en metal, sobre todo bronce, seguido por unha pasta vítrea e finalmente dúas pezas de ferro. Podemos atopar alfinetes de cabeza enrolada e Acus Crinalis (Ferro I), pulseiras, aneis, colgantes, fibelas de cinto, e doas de colar.

As armas e a necesidade de defenderse. 

Atopáronse unicamente seis pezas e ningunha delas completa. Na ladeira leste recuperouse un fragmento de puñal de antenas de bronce, en concreto parece tratarse dunha das antenas de botón cóncavo alongado, que formaría parte da empuñadura de bronce, probablemente dun puñal de antenas tipo Tegra. Este tipo de puñais parecen ser característicos do Ferro II. 

Igualmente en bronce identificouse un pequeno regatón de lanza ou dardo, de forma cónica, realizado a partir dunha lámina dobrada, e que aínda conserva o craviño que serviría para suxeitalo ao extremo do pao. 

As pezas de ferro atópanse mal conservadas e a identificación dalgunha delas foi posible grazas aos traballos de limpeza e restauración das pezas.


Bibliografía
  • Aboal Fernández, R. & Castro Hierro V. (2006). O Castro de Montealegre, Moaña, Pontevedra. Toxoutos, Noia. 
  • González-Ruibal, A. & Rodríguez Martínez, R. (2007). Comercio Mediterráneo en el castro de Montealegre (Pontevedra, Galicia). Siglo II a.C. – inicios del siglo I d.C.. Archivo Español de Arqueología, vol. 80, pp. 43-74.

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación