O xacemento do Monte dos Remedios.

Antes do nacemento da Moaña que coñecemos hoxe en día, no territorio que ocupa actualmente o concello houbo distintos núcleos de poboación que cosrresponden a distintos castros que hoxe en día podemos estudar para comprender onde comezou todo. O castro do Monte dos Remedios foi un deles..

A zona do Monte dos Remedios esténdese por un outeiro e as súas ladeiras adxacentes situadas entre os 50 e os 120 metros de altitude, no Concello de Moaña. O lugar viuse afectado polas obras de construción do enlace de Cangas co Tramo II da Vía de Alta Capacidade do Morrazo. O trazado do vial de enlace atravesaba unha dorsal situada a 84 metros de altitude no tramo medio-inferior da ladeira Noroeste do Monte dos Remedios, ocupando unha superficie de 130 metros de lonxitude e 150 metros de ancho por riba das terras de cultivo dun val litoral. 

O xacemento do Monte dos Remedios. - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.11.55

A presenza de cerámica na superficie, xunto con outros indicios, motivou a cautela arqueolóxica da zona e a realización de traballos de sondaxe que documentaron a presenza de restos cerámicos e líticos do Calcolítico. Tamén observáronse estruturas escavadas no Nivel C natural, consistentes en buracos de poste, restos de pavimento e acumulacións de pedra cubrindo posibles fosas. Estes achados distribuíanse ao longo e ancho da zona da sondaxe, indicando a presenza dun xacemento prehistórico de considerables dimensións. Contando con esta información previa, procedeuse á escavación en área dos terreos afectados pola traza da obra. A superficie final escavada posuía a forma dun rectángulo de 90 m por 48 m, co seu eixo maior orientado en sentido Nordeste-Suroeste.

O xacemento do Monte dos Remedios. - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.12.33

Respecto da estratigrafía, o nivel superficial consistía nun solo agrícola de 40/50 centímetros de potencia que contiña numerosos fragmentos cerámicos bastante erosionados e datables dende a actualidade ata época prehistórica, cuxa presenza explícase polo aporte de terras de recheo para o cultivo e as labores de abono realizadas tradicionalmente na zona. A continuación, escavouse un nivel de desenvolvemento natural cuxa potencia era de entre 15 e 120 cm, segundo as zonas.

Este nivel contiña, en posición secundaria, a maioría do material arqueolóxico localizado, cubrindo tamén as estruturas e niveis arqueolóxicos que definen o xacemento. Inmediatamente por debaixo aparece o nivel C de transición ao substrato, presente en toda a área intervida, excepto nas zonas Norte e Suroeste, onde afloraba a rocha directamente. 

A vida no castro dos Remedios

Os restos documentan varios tipos de actividade ligados á construción e mantemento dun hábitat prehistórico. En toda a superficie escavada compróbase a existencia dun proceso de acondicionamento do espazo, caracterizado pola remoción das capas edáficas e o posterior rebaixe e aplanado do estrato C, que é utilizado como nivel base da actividade humana. 

Nos niveis de recheo da gabia de formación do lado este atopáronse os restos de dous recipientes cerámicos de almacenaxe, enterrados intencionalmente no recheo da gabia no sentido do seu eixo lonxitudinal. Cara o Este localizáronse buracos de poste de diversos tamaños e varias fosas, unha delas cun buraco dunha estrutura de combustión formada por unha acumulación de granito e cuarzo con sinais de queimado. No extremo meridional do seu recorrido a gabia trazaba unha suave curva cara o Oeste, perdéndose a súa pegada, xunto aos restos dunha estrutura de combustión de forma aproximadamente circular composta por pedras de granito. 

Un segundo tipo de estruturas documentadas no xacemento son aquelas que testemuñan actividades relacionadas ao proceso de habitación ou relacionadas directamente con este. No espazo interno delimitado pola gabia, fronte á zona de acceso, dispúxose un gran número de buracos de poste de diferentes tamaños e un fogar. Cara o Oeste, a 5 metros de distancia, localizouse un solo de cabana circular de 4 metros de diámetro, delimitado por unha gabia perimetral con tres buracos de poste no borde externo do seu lado este. Máis ao Sur, os restos dun pavimento de terra compactada cubrían as pegadas escavadas no nivel C, correspondentes a unha cabana de planta oval de 6 por 5 metros con poste central. 

Na zona media da escavación documentouse un pavimento de terra compactada ben conservado, sobre o que se dispoñía un fogar con presenza de numerosos materiais cerámicos e líticos no seu entorno. Escavados no pavimento apareceron un buraco de postes, varias fosas de diferentes formas e tamaños e un rebaixe de forma cuadrangular aberto cara o Noroeste. Baixo o pavimento localizáronse abundantes pegadas de buracos de poste escavados no nivel C, algunha delas reutilizada, e un silo ou foxa de almacenaxe duns 400 litros de capacidade, contendo un movente de muíño e dous dormentes depositados verticalmente. 

Ao Norte desta zona atopáronse numerosos buracos de poste, parte dos que formaban unha planta circular incompleta de 5 metros de diámetro, xunto aos restos de outra estrutura, construída por buracos de poste de forma oval e considerables dimensións, asociados a bloques uniformes de granito, que definía unha planta cuadrangular de aproximadamente 4 m de lado, orientada en sentido Noroeste-Sueste e cortada pola gabia de drenaxe setentrional. Ao seu lado localizouse, escavado no substrato, un fogar dotado de un pavimento de pedra en cuxa construción reaproveitáronse varios fragmentos de muíño. 

Ao Sueste da gabia de drenaxe setentrional e moi próximos ao afloramento mencionado anteriormente, documentáronse restos de pavimentos, varias fosas circulares, buracos de poste de diferentes diámetros e dúas estruturas de combustión, unha de forma oval e outra circular. Estaban formadas por pedra de granito e exquisito de pequeno tamaño imbricadas entre si, cubrindo potentes niveis de madeiras carbonizadas dispostas sobre o substrato previamente rebaixado. Unha delas conservaba no seu perímetro dous pequenos buracos de poste. 

En canto á cronoloxía do xacemento, as observacións do conxunto de datas obtidas nos Remedios revelan a existencia de presencia antrópica nun período prolongado, entre mediados do V milenio a.C. e o segundo cuarto do III milenio a.C. Isto non implica necesariamente unha ocupación continuada ao longo de máis de dous milenios, pois nin o número de datas nin a resolución do método de datación permiten afirmar dita circunstancia


Bibliografía
  • Fábregas Valcarce, R., Bonilla Rodríguez A. & César Vila, M. (2007). Monte dos Remedios (Moaña, Pontevedra). Un asentamiento de la prehistoria reciente. Tórculo Edicións, Santiago de Compostela. 

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación