O Castro de Montealegre

O castro de Montealegre foi un xacemento importante dentro do impulso que a arqueoloxía galega tivo a comezos do século XX. Por iso, persoas tan importantes como Antón Losada interesáronse por estudalo. 

A campaña de excavación de Antón Losada Diéguez no castro de Montealegre (1927)

Antón Losada nace en 1884 en Boborás (Ourense) e foi un galeguista e escritor galego. Na súa memoria dos traballos realizados nas escavacións de Montealegre de 1927, procedeuse ao baleirado das estruturas descubertas cun gran interese posto nos restos malacolóxicos e óseos. Por outra parte, céntrase na descrición dunha casa circular que aproveita os afloramentos rochosos para a súa construción. Os seus muros son de mampostería e contén un fogar central formado por unha capa de arxila. En resumo, é unha construción circular característica dos castros galegos.

Segundo Antón Losada:

“La Ciudad de Montealegre es indudablemente una estación que ofrece vestigios de diversas civilizaciones. En el monte se hallan muchas peñas con insculturas y fossettes y muestras de una primitiva civilización indígena, al mismo tiempo que la tegulae y ciertos ejemplares de cerámica manifiestan la influencia de la civilización romana. 
[…] Montealegre es fundamentalmente una estación prerromana del tipo de Sabroso en Portugal, tránsito a la citania protohistórica de Brieiros”.  

No estudo póstumo dos materiais, xa en 1943, o autor aplica un esquema evolucionista segundo o cal a superposición de culturas en Montelaegre se caracteriza por unha mellora gradual da técnica e acabado dos obxectos. Deste xeito, a cultura máis avanzada de Montealegre correspóndese cunha serie de rasgos materiais como as casetas circulares e a máis perfecta cerámica, pero que convive con elementos arcaizantes como as insculturas rupestres e coa aparición de cerámica de importación de orixe ibérica, amosando certo grao de civilización. Losada tentará solventar a problemática estratigráfica de Montealegre, marcada polos procesos postdeposicionais e os arrastres de materiais da zona alta, apelando a un carácter arcaico, a un tenaz tradicionalismo da cultura de Montelaegre, na que perviven elementos eneolíticos con evidentes vestixios de romanización. Isto vén acompañado dunha reflexión sobre a influencia das relacións marítimas comerciais e das influencias centroeuropeas a partir dos paralelos cerámicos.

Losada adianta a concepción da cultura castrexa que xa se manexará a partir dos anos 60 do século XX.

 

O Castro de Montealegre - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.21.38

A campaña de excavación do ano 2003-2004.

Os resultados obtidos na escavación destes anos amosan dúas zonas do castro con funcionalidades totalmente distintas. Na ladeira oeste identificouse un espazo habitacional que foi ocupado durante un período cronolóxico amplo. Na ladeira este documentouse un área marxinal relacionada coas actividades do castro, pero non de índole habitacional. 

Unha segunda ocupación pódese adscribir ao século I d.C. É dicir, aos inicios da romanización. A este momento pertencen cabanas de planta cadrada e cunha orientación Este-Oeste. Nalgúns puntos concretos, esta ocupación superponse á anterior, provocando alteracións. En canto ao estado de conservación, nalgunhas partes esta ocupación a penas se pode apreciar mentres que noutros a conservación é mellor. 

O Castro de Montealegre - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.21.49

Unha das cabanas da ocupación do século I d.C.

En Aboal Fernández R. & Castro Hierro V. (2006), O Castro de Montealegre, Moaña, Pontevedra, Toxoutos, Noia. 

O período cronolóxico mellor conservado é o comprendido entre os séculos II a.C. e o I a.C. É dicir, os momentos finais da Idade do Ferro. Nesta cronoloxía atopamos as cabanas de planta oval con orientación Norte-Sur e dispostas paralelamente ao muro da terraza. A construción da terraza é anterior. As cabanas consérvanse a nivel de cimentación e amosan un só nivel de ocupación. O espazo onde se construíron tiña unha superficie moi irregular, polo que tiveron que levar a cabo un traballo de acondicionamento do espazo, reflectido nos abundantes depósitos de recheo tanto no interior das cabanas como no exterior. 

Ademais destes dous momentos apareceron indicios de ocupacións anteriores, pero que non están asociadas a ningunha estrutura e que só quedan reflectidas pola presenza de materiais cerámicos. Así, documéntanse materiais da primeira Idade do Ferro (séculos VIII – V a.C.), materiais dos séculos IV-III a.C. e un tesouriño de moedas dos séculos IV e V d.C. 

A ladeira leste, na que a primeira vista semellaban non haber unha ocupación de carácter habitacional, amosaba porén unha presenza humana contrariamente ao que se podía supoñer nun principio por mor ao desnivel. A primeira actividade identificada é a de cantería xa que debido á pendente estreita na que se atopa o emprazamento, foi necesario o acondicionamento do terreo coa construción de pequenas terrazas para facilitar a construción de vivendas. Os resultados da escavación indican que a ladeira estaría sen vexetación, facilitando o traballo de extracción de pedra. Anteriormente a isto, documentáronse restos dunha canle relacionada, posiblemente, coa evacuación de augas dende as cabanas da parte alta do monte, realizada con actividades de cantería.

Posteriormente abandonouse esta actividade, ou polo menos nunha parte da ladeira na que se tiña desenvolvido esta, e o espazo amortizouse coma vertedoiro. O concheiro tiña unha estrutura de contención que impedía o corremento do concheiro ladeira abaixo. A intención desta construción non está moi clara, aínda que podería estar relacionada coas actividades extractivas, impedindo que as conchas invadisen os espazos dos traballos de cantería. 

É difícil precisar o momento no que estas actividades se desenvolveron. Os materiais documentados no interior do concheiro nos sitúan entre os séculos IV a.C. e o cambio de era. Porén, os materiais cerámicos permiten precisar algo máis a cronoloxía, cinguíndoa ás dúas últimas centurias antes de Cristo, nos momentos finais da segunda Idade de Ferro, coincidindo co momento mellor documentado na ladeira oeste. 

A forma do terreo

En canto á configuración topográfica, destaca a escasa presenza de defensas artificiais. A forma do monte fai difícil atopar lugares onde poder habilitar espazos de habitación, polo que se fai de maneira escalonada dende a parte alta do monte ate chegar case ao mar. Isto condicionou os resultados dos traballos, pois a pesar de que atopamos só dous cronoloxías de ocupación, todo apunta a que houbo unha ocupación prolongada do tempo, dende momentos da Primeira Idade do Ferro. Isto o sabemos debido ao achado de diferentes pezas cerámicas. Podemos pensar que os niveis anteriores foron completamente desmantelados no momento de acondicionamento das terrazas na Segunda Idade do Ferro, ou ben que esta terraza fose construída ex novo nun momento concreto entre os séculos II e I a.C. e os materiais localizados proveñen de arrastres doutras partes do castro. 

Por outra parte, o emprazamento de Montealegre semella ter unha clara orientación á exploración do medio mariño e do monte. A exploración mariña parece centrada nos medios areosos, coa extracción de ameixa ou navalla, e nos medios rochosos, con mexillóns e lapas. As especies documentadas nos concheiros apuntan a unha explotación do entorno inmediato e o volume do mesmo amosa a importancia que tiveron os recursos mariños como aporte alimenticio.

En canto ao monte e ao val, situaríanse aquí os terreos fértiles e ben irrigados, con solos profundos e necesarios para a agricultura, pasto e gando. Os análises dos restos faunísticos amosan que a cabana gandeira é equiparable á documentada noutros poboados castrexos litorais. Os ovicápridos e bóvidos son a especie máis numerosas, mentres que os restos de fauna silvestre aparecen timidamente representados. Estas especies, ademais de poder constituír bens de prestixio social tamén constituirían a base da alimentación. Tamén puideron ser usados na agricultura ou como produtoras de leite ou la. Do monte obterían tanto a madeira para a construción como para a combustión e recolección. 

Por último, debemos destacar a súa ubicación no contexto da Ría de Vigo, o que lle proporciona unha ubicación privilexiada ao permitirlle o control completo da entrada da ría. A consecuencia desta posición manifestouse na aparición de materiais de importación como cerámicas de mesa e de cociña. Isto é un claro indicador de que o castro estaba integrado nun circuíto comercial co mundo mediterráneo cunha importante presenza do comercio, primeiro fenicio e despois púnico. A situación xeográfica permitiría ao castro funcionar como interlocutor entre as comunidades indíxenas e púnicas.

Pódese descubrir en detalle sobre os achados no Castro no seguinte artigo:


Bibliografía
  • Aboal Fernández, R. & Castro Hierro V. (2006). O Castro de Montealegre, Moaña, Pontevedra. Toxoutos, Noia. 
  • González-Ruibal, A. & Rodríguez Martínez, R. (2007). Comercio Mediterráneo en el castro de Montealegre (Pontevedra, Galicia). Siglo II a.C. – inicios del siglo I d.C.. Archivo Español de Arqueología, vol. 80, pp. 43-74.

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación