A Torre de Meira

A Torre de Meira é un xacemento medieval fortificado. A torre localízase sobre un pequeno, pero prominente, outeiro cunha forte pendente ao lado sur e unha máis suave ao Norte. Todo o perímetro do outeiro estaba rodeado por unha potente muralla de grandes perpiaños, parte dos cales afloran á superficie, aínda que a maioría está cuberta por vexetación.

1976, as primeiras prospeccións

O estudo do preito Tabera-Fonseca feito por Xosé Carlos Villaverde Román, da Agrupación Cultural Nós, revela que o couto de Meira (independente ao de Cangas), xunto co de Valladares en Vigo e o de Saxamonde en Redondela, pertencía a Gregorio Valladares. En diferentes escrituras, asinadas a partir do 1337, aparece Meira como couto e freguesía. De todos xeitos, ningún membro da familia Valladares-Meira habitou no couto, mais construíron unha torre con dúas murallas de protección que serían derrubadas posteriormente. Actualmente quedan restos no lugar chamado “A Torre” sobre os que se trazou un esquema posteriormente ás prospeccións arqueolóxicas do 1976. 

A Torre oi obxecto dunha prospección e escavación no ano 1976 levada a cabo polo arqueólogo moañés Antonio Costa, Paloma Acuña, Antonio De la Peña e Antón A. Rodríguez. Fíxose un rexistro da planta da torre e o estudo das súas características construtivas. No artigo “Prospecciones Arqueológicas en la ‘Torre de Meira, Moaña, Pontevedra” describíronse algunhas características construtivas da torre. Destacamos os muros construídos a través de dúas fileiras de perpiaños encadrados e o espazo intermedio recheo de pedras pequena e irregulares e barro. 

A Torre de Meira - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.08.19
Torre de Meira en 1986. Xosé Carlos Villaverde Román

Os achados

En canto aos materiais atopados nesta escavación podemos destacar un tipo de tella curva basta e de mala calidade, con distintos tipos de pastas (amarelas e vermellas intensas) e variantes formais. A tella atópase en toda a área de escavación. As cerámicas achadas son as cerámicas comúns medievais galegas, variando no grosor e na pureza das pastas. En xeral atópanse tonalidades que varían do negro ata o amarelo, pasando por grises, pardos e vermellos alaranxados. As pastas son finas sen engobe nin verniz. En canto á decoración das mesmas, inclúese tamén dentro das características xerais da cerámica medieval galega. Atopamos bandas paralela sinxelas, incisións en varios sentidos, dixitacións e ungulacións realizadas directamente sobre as pezas ou indirectamente cun cordón.

Destaca un fragmento de cerámica vidrada branca e amarela cunha decoración de motivos con forma de “S” pintados en branco e cuxa cronoloxía poderíase establecer arredor dos séculos XIV e XV. 

A Torre de Meira - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.08.37
Perfís de bordes e fondos cerámicos.

Restauración, consolidación, escavación e rexistro arqueolóxico da Torre de Meira. Acuña Fernández P., Costa Iglesias, A., De la Peña Santos, A. & Rodríguez Casal, A.A. (1976).

Os novos tempos. A revalorización da Torre de Meira no ano 2021

Ás veces é común que as prospeccións e os estudos arqueolóxicos queden no esquecemento, por iso é importante darlle o valor que estes lugares históricos merécense. Iso foi o que se fixo no 2021 na Torre de Meira, imos expoñelo. 

No ano 2021, a compañía Árbore Arqueoloxía , coa promoción do Concello de Moaña, levou a cabo a restauración, consolidación, escavación e rexistro arqueolóxico da Torre de Meira, situada no barrio de O Pombal, na parroquia de Santa Eulalia de Meira. O obxectivo foi promover o rendemento sociocultural e a difusión e coñecemento público do patrimonio arqueolóxico.

Así, con esta actuación limpouse e rexistrouse o xacemento con fotogrametría xeoreferenciada da área de escavación, xa aberta en 1976. Baleiráronse aproximadamente 48 metros cadrados da anterior escavación, limpáronse e rexistráronse os perfís e as estruturas. 

En segundo lugar, escavouse unha nova área de 26 metros cadrados para permitir o rexistro da totalidade da planta da torre. Ademais, tamén se escavaron os testigos da escavación do 1976, dúas pequenas áreas para gañar espazo arredor da planta da torre e un  novo cadro inferior dereito co obxectivo de rexistrar a totalidade da superficie da torre. Por último, este proxecto buscou a posta en valor dos traballos realizados no marco do proxecto mediante a instalación dun pequeno papel didáctico.


Bibliografía
  • Acuña Fernández, P., Costa Iglesias, A., De la Peña Santos, A. & Rodríguez Casal, A.A. (1976). Prospecciones Arqueológicas en la ‘Torre de Meira. (Moaña, Pontevedra). Boletín Auriense, vol. 6., pp. 183-205. 
  • Albertos Figueroa, B. & Peña Pascual, D. (2020). Restauración, consolidación e rexistro arqueolóxico da Torre de Meira GA36029029. Árbore Arqueoloxía. 
  • González Fernández J.M. (2020). Durante nueve siglos el coto de Meira tuvo Ayuntamiento propio. Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.
  • García Barreiro, M. U. (2015). Santa Baia de Meira na historia. Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.Villaverde Román X. C. (2021). A Torre de Meira segundo o preito Tabera-Fonseca. Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación