A posible vinculación entre culturas: os petróglifos da Borna e o castro de Montealegre

O castro de Montealegre estivo localizado nunha ubicación clave que facilitaba unha visión completa da entrada da Ría de Vigo. Isto foi de vital importancia para os intercambios comerciais de calquera civilización que chegase á ría. 

Co achado do petróglifo da Borna, preto do castro, comezouse a falar dunha posible conexión entre gravados e rutas marítimas. Neste petróglifo podemos atopar cruces da época moderna e medieval, mais tamén figuras antropomórficas de época prehistórica e certas liñas que algúns investigadores identifican con embarcacións. Non só os científicos son partidarios desta afirmación, tamén unha veciña de Moaña falaba da existencia dunha rocha entre Meira e Domaio á que acudían os curas de ambas parroquias unha vez ao ano para confirmar os límites destes territorios. Ademais, afirmaba a veciña que os petróglifos desta rocha representaban as carabelas de Colón. 

A relación entre a costa e os petróglifos de Estilo Atlántico semella clara a primeira vista se atendemos á súa distribución en Galicia. É posible observar un fenómeno semellante nas Illas Británicas, en Irlanda e na Península Escandinava. Nestes lugares, os gravados rupestres (moi posiblemente da mesma cronoloxía que os galegos) atópanse preto das rías, fiordos ou baías. Polo tanto, os petróglifos de Montealegre poden ser un bo exemplo da posible asociación entre arte rupestre da Prehistoria Recente co tráfico marítimo. 

En total foron catalogadas dezaoito rochas con gravados e a maior parte foron descubertas coas obras de construción do Corredor do Morrazo. Podemos distinguir tres tipos de rochas gravadas. Por un lado temos simples rebaixes sobre pedra en ocasións con coviñas que poderían ser interpretados como funcionais, constituíndo algún tipo de escaleiras para facilitar o tránsito, por exemplo. De todos xeitos, non se descarta a posibilidade simbólica dos mesmos. Por outra parte, teríamos os petróglifos compostos só por coviñas. Non podemos concretar a súa finalidade nin cronoloxía xa que non aparecen asociados a motivos datables. En último lugar temos os gravados máis complexos, formados por coviñas, coviñas dentro de óvalos e círculos cunha coviña central. Este grupo o poderíamos encadrar no Estilo Atlántico da Arte Rupestre, sendo o único estilo definible dentro do recinto de Montealegre.


Bibliografía
  • Aboal Fernández, R. & Castro Hierro V. (2006). O Castro de Montealegre, Moaña, Pontevedra. Toxoutos, Noia. 
  • González-Ruibal, A. & Rodríguez Martínez, R. (2007). Comercio Mediterráneo en el castro de Montealegre (Pontevedra, Galicia). Siglo II a.C. – inicios del siglo I d.C.. Archivo Español de Arqueología, vol. 80, pp. 43-74

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación