O Pazo do Rosal

O recoñecido Pazo do Rosal de Moaña da hoxe en día nome a todo o barrio que rodea o pazo. A día de hoxe este aínda continúa en pé tras un longo recorrido de historia que comezou na Idade Media.

O couto do Rosal na Idade Media.

A información que ofrece a escritura de doazón foi moi importante para coñecer os primeiros anos do desenvolvemento da freguesía de San Martiño de Moaña. Esta tivo unha orixe labrega e gandeira, sen apenas casas na beiramar por medo ás invasións foráneas. Porén, verifícase que no couto do Rosal a vida do campo coa do mar, onde os seus señores posuían portos, pesqueiras e sacadas. O lugar do pazo foi considerado moi importante xa dende a Idade do Ferro, como o demostran os restos castrexos da zona. O outeiro onde se asenta permite divisar todo o entorno ao ter unha altura de 54 metros. 

Durante o século XV, tiveron lugar as Revoltas Irmandiñas , guerras da xente común e fidalgos de segunda orde contra os cabaleiros feudais que abusaban do seu poder. Isto deu lugar a enfrontamentos arredor do ano 1431. En Moaña, o castelo de Darbo e a Torre de Meira foron os bastións máis importantes da identificación territorial. Ambas construcións foron derribadas na revolta. 

Debido á pouca distancia entre O Rosal e a Torre e logo de estudar os muros máis antigos do pazo, formulouse a existencia dunha torre de vixilancia que puido estar ao carón dunha casa terreña habitada por unha familia da zona que encargaríase do cultivo da granxa contigua. Podemos afirmar polo tanto que a súa construción remóntase á década de 1430, co inicio das revoltas e a causa do levantamento da torre, aínda que non será até finais de 1470 cando atopemos referencias históricas do liñaxe titular dos terreos e, por tanto, das construcións que puidera haber. 

Un escudo da familia Romai datado do século XV representa a pedra armeira máis antiga da Casa do Rosal e posiblemente foi a primeira representación das armas desta liñaxe atopadas no Morrazo. Xa en 1480, don Fernando Romai Soutomaior, señor da torre e coito do Cadro, casa en segundas nupcias coa filla do meriño da torre e castelo de Darbo, don Vasco Fernández. O couto, situado na parroquia de Santo Tomé de Piñeiro, no actual concello de Marín, representaba un dos soares máis antigos da importantísima liñaxe dos Romai, ramificado polo Morrazo, incluíndo a freguesía de Moaña onde se atopa o mencionado escudo. 

Arquitectura do Pazo do Rosal

A fidalguía foi en Moaña, igual que no resto de Galicia, un grupo moi influínte algo que se deixa ver perfectamente cando botamos unha ollada ao interior e o exterior do Pazo do Rosal.

Os pazos son un mundo en si mesmos e son os herdeiros directos das torres medievais. Eran mandados levantar por unha pequena nobreza ou fidalguía galega grazas á súa posición intermedia na propiedade da terra, que vai aumentando cada vez máis dende o século XVI. O pazo era unha residencia suntuaria de carácter civil, mais no fondo era un signo de poderío social da clase máis privilexiada do campo galego na Idade Moderna. Por outra banda, foi un centro importante de produción agraria sobre o que xiran relacións económicas propias do réxime señorial. 

O pazo de O Rosal ergueuse arredor de 1640, no momento de establecemento da dinastía Saavedra no lugar. Queda reseñada no Catastro de Ensenada (1752) como unha casa dun sobrado cunha gran finca ao redor.  O edificio actual semella recoller dúas épocas construtivas ben definidas, unha da segunda metade do século XVIII, en estilo barroco serodio, e outro da segunda metade do século XIX. A base en forma de “L” consta de planta baixa e piso. Na fachada norte apréciase unha galería baixa montada sobre arcos de medio punto e pilares. Por riba, o corredor exterior de acceso que arrinca con dúas figuras de leóns mostra un balaustre tipicamente barroco. Na parte superior, unha fermosa cheminea e catro grandes gárgolas rematan as esquinas.

A muralla de peche está case desaparecida e só se conserva o solitario portalón da entrada. O conxunto complétase cun pombal circular e dous canastros de sete oco e dezaseis pilares ou pés en cada un. 

A capela do pazo é de planta cuadrangular, cunha inscrición de 1869 que pode ser indicativa dunha reforma. Estaba adicada a San Gregorio. A mediados do XVIII seguíase cumprindo o legado pío de Álvaro Suárez e Constanza López de Romai, posiblemente con algunha modificación posterior, pois a Casa pagaba cada ano ó presbítero de Moaña, don Ignacio Lorenzo, 302 reais por dous sufraxios seminarios, e ao cura párroco 32 reais en esmolas polo mesmo, ademais de 16 reais ao convento de San Francisco de Vigo. Aínda nos inicios do século XXI a capela mantiña unha certa devoción popular, pois os paisanos seguían encargando misa nela. Caro o 1820 a dita ermida percibía as rendas de catro foros sitios en Meira. 

De todos xeitos, non é posible coñecelo cúmulo de arranxos, ampliacións e melloras que se sucederon durante estes séculos. Porén, os señores do Rosal deixarán sentir a súa preocupación no referido á residencia familiar. Como mostra, en 1830, don Manuel Saavedra adquiriu por troco unha peza de terra onde nacía o manancial que levaba o auga polo patio da mansión, o que fixera para “evitar preitos que xamais se deberían enxendrar”.

O Pazo do Rosal - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.10.56

O inventario de bens de don Nicolás Saavedra feito en 1703 recolle o ambiente de certo luxo e mailo aire rural do pazo. Como indicador da riqueza que posuían, atopamos un clavicordio e unha arpa faltosa de cordas. O señor vestía casaca de pano de Londres con botonaduras de ouro e prata, un calzón de pano, zapatos con fibelas de prata sobredourada e un sombreiro de castor negro. 

Nas bodegas do pazo encontrábanse fustes, embudes, xerras, etc., así como arcas para gardar o gran e unha para salgar o porco. 

Mención a parte merecen os criados do servizo, que sumaban nove no 1752, dando prestixio social sobre todo o contar con mulleres, que se adicaban preferentemente aos traballos domésticos. Algo máis dun século despois quedaban unha parella que percibían 740 reais. Xunto co caseiro tamén se contrataba unha pranchadora. O administrador percibía dúas retribucións: a décima parte das rendas ingresadas e outro tanto do viño producido. 

Podemos ler máis sobre o análise construtivo do Pazo do Rosal no Centro de Documentación Local.

 


Bibliografía

  • García Barreiro, M. U. (2013). Couto e Pazo do Rosal, Moaña. Gráficas Lasa, Moaña. 
  • García Barreiro, M. U. (2020). Os muíños da Paradela que no século XVIII pertenceron a un abade da familia do Rosal. Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña. 
  • González Fernández, X. M., Villaverde Román, X.C. & Pérez Rúa, M. (2012). A casa fidalga do Rosal, Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.
  • Villaverde Román, X. C. (2015). Derradeiros sucesores da dinastía Saavedra da casa-pazo de O Rosal en Moaña, Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación