A Igrexa de San Martiño, onde todo comezou.

Igrexa de San Martiño de Moaña. Área de Turismo

Se queremos coñecer ben a historia do noso concello, debemos comezar polo principio. A igrexa de San Martiño é chave na nosa historia e patrimonio local, pois, coa creación da parroquia, o núcleo de poboación comezou a medrar, converténdose na Moaña que coñecemos a día de hoxe.

Onde Moaña comeza.

En 1973, Antonio Costa, investigador da prehistoria de Moaña, atopa no Monte do Castro anacos de cerámica castrexa, tanto con e sen decoración, ademais dalgunha tella romana, coñecidas como tegulas, conservadas actualmente no Museo Arqueolóxico de Pontevedra. Tras diversas investigacións, concluíuse que formaban parte dun xacemento de planta circular da Idade de Ferro. 

Con estes dous tipos de achados, podemos confirmar que neste asentamento vivirían poboacións castrexas que rematarían romanizándose. Formarían a partir dese momento un poboado galaico-romano arredor do século I d.C. Os romanos trouxeron consigo as necrópoles, situadas fóra dos núcleos de habitación. Eran lugares de carácter sagrado que funcionaron como tal ata a chegada dos suevos no 409. 

Do período do reinado suevo atopamos un documento datado no 572 e redactado polo bispo do momento, Parrochiale Suevum. A través deste podemos observar a división parroquial de Galicia, na que aparece a parrochia de Morracio, dependente da diocese de Iria Flavia. 

A  fundación da Igrexa de San Martiño

Dende o documento suevo Parrochiale Suevum non temos máis referencias da igrexa ata a segunda metade do século XII. As primeiras mencións ás parroquias as atopamos de xeito indirecto, na doazóns de privilexios de Fernando II á Igrexa de Compostela ou a algún nobre. A igrexa de San Martiño pertencía neste momento á Sé de Compostela a través do arcediago do Salnés.

Atopamos na porta meridional da nave románica unha inscrición fundacional que afirma:

ESTA IGREXA FOI CONSAGRADA NUN DOMINGO DO ANO 1197.

Inscrición fundacional da igrexa románica de San Martiño de Moaña. Rodríguez Parada X.B. & García Barreiro, M. U. (2021).

A Igrexa de San Martiño, onde todo comezou. - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.16.55
A Igrexa de San Martiño, onde todo comezou. - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.17.10

Outra inscrición aparece na porta principal enumerando os santos da consagración do templo que están esculpidos embaixo. Observamos unha escultura de San Martiño no centro e a secuencia ARIAS FECI, é dicir, “EU ARIAS MANDEINA FACER” no tímpano rematado co baixorrelevo de Fernando Arias.

Fernando Arias foi un nobre da corte leonesa de Fernando II, orixinal de Ribadavia e emparentado co conde de Traba e a familia do monarca, quen o favoreceu con certas doazóns. Unha delas foi a herdanza de reguengo de Sabaceda, contida nun documento do Archivo Histórico Nacional que foi asinado en Coimbra o 31 de xullo de 1184:

Por isto, eu o rei don Fernando, xunto co meu fillo o rei don Alfonso, mediante unha carta de doazón que ha de ter validez para sempre, dou e concedo a vós, Fernando Arias […] vilas […] no lugar sinalado en Sabaceda, de cincuenta mil […] na parroquia de San […] no Morrazo […] con todos os seus dereitos e pertenzas, con dereito hereditario e acoutamento rexio…

O cronista de Moaña, Manuel Uxío, xunto con Xosé B. Rodríguez Parada, afirman que poderíamos pensar que foi Fernando Arias quen ergueu a igrexa, mais as fontes documentais e epigráficas afirman o contrario. De ningunha maneira podería construír unha igrexa sen a autorización do arcebispo de Compostela. O 7 de maio de 1179 o papa Alexandre II promulga unha bula pola que outorgaba o Palio ao bispo Pedro Suárez. Unha das cláusulas da bula prohibía a calquera persoa ou comunidade adquirir e fundar casas ou igrexas nos lugares que pertencían á Igrexa de Compostela sen coñecemento do Arcebispo. O máis probable é que xa existise unha igrexa rural anterior á igrexa románica, sendo reformada e posteriormente consagrada en 1197. De todos xeitos, non coñecemos o motivo polo que este nobre tiña intereses en Moaña e o porque da súa implicación nas obras de ampliación da igrexa que estaba na linde da súa nova propiedade en Sabaceda.

Xa no século XIII, os netos do fundador, Fernando e Paio Arias, engadiron á igrexa unha sancristía de estilo románico de transición ao gótico. Dispuña dunha porta exterior, coroada por un tímpano, que foi derrubado en 1763 xunto a ábsida. O tímpano pasou neste momento a formar parte do muro de sustentación da cabeceira da igrexa ata 1929, cando foi trasladado ao Museo de Pontevedra. 

Neste momento, o padroado da igrexa era exercido por estes dous irmáns, nados en Sabaceda. Existe documentación que afirma que entre 1232 e 1237, Fernando exercía como presbítero en Lores (parroquia do Concello de Moraña) e Paio era frade do mosteiro de Armenteira. Ambos mandarían construír á sancristía, cuxo inverso do tímpano os representaba axeonllados.

O padroado e dereito dos abades Arias sobre a San Martiño rematou a partir de 1237 xa que ambos irmáns non tiveron descendencia. A partir de entón atopamos escrituras do século XIV nas que aparece a familia Eans, devanceiros de Fernando Eans de Soutomaior, pai de Pedro Madruga, como patróns da igrexa. Xa no século XVIII, grazas ao estudo do arquivo parroquial de San Martiño de Moaña, podemos coñecer a Lorenzo de Paredes Vázquez, o máis importante mecenas da antiga freguesía. Tras o seu falecemento en 1708, os seus fillos Domingo e Lorenzo emigran ao Porto de Santa María (Cádiz), conseguindo diñeiro que foi enviado á súa nai viúva, Dominga, para comprar terras e montes en Moaña. Morrería en xullo de 1735, sendo enterrada na igrexa.

O seu fillo Lourenzo emigraría dende Cádiz ata Popoyán, Colombia, onde escribiría o seu testamento, depositado no “Archivo Histórico de la Universidad de Cauca”. Nel, afirma que era natural del Reyno de Galicia, de los Reynos de España del lugar de la feligresía de San Martín de Moaña. Chega a escribir 31 cláusulas e, entre elas, observamos o repartimento do seu patrimonio. Entre os beneficiarios temos ao presbítero Don Francisco Montenegro, ao cura de Tirán e á Cofraría de Nosa Señora do Rosario da freguesía de San Martiño de Moaña para levar a cabo unha ampliación da mesma. Os 100.000 reais enviados á Cofraría chegaron ao poder de Don Andrés Losada de Santiago e foron destinados á obra do templo moañés.

En 1757, o visitador eclesiástico de Santiago decatábase de que a igrexa de San Martiño era demasiado pequena para albergar a tanta xente. Isto arguméntase nun contrato asinado en 1763 polo escribán de Cangas, José Ignacio Portomariño, onde afírmase que a igrexa estaba xa deteriorada e a misa non se transmitía con claridade, ademais de que non podía acoller á toda a xente que acudía. Finalmente, engadiríase unha capela maior, dúas laterais e unha nova sancristía. Tamén mercáranse alfaias dedicadas ao culto da Virxe do Rosario, todas elas roubadas anos máis tarde. 

En relación a todo isto podemos observar unha inscrición no ático do retablo:

SUMPTIBUS DMINI. LAURENTII DE PAREDES
VICECURA PEDRO BENEDICTO AVALLE Y MARIÑO, ANNO SALUTIS MDCCLXX. 

Traducimos a inscrición ao galego do seguinte xeito:

Pola conta do señor Lourenzo de Paredes.
Vicecura Pedro Bieito Aballe e Mariño, ano da saúde 1770. 


Bibliografía
  • García Barreiro, M. U. & Rodríguez Parada, J.B. (2022). As orixes da parroquia milenaria de Moaña. M Servizos Gáficos, Moaña.
  • García Barreiro, M. U. (2021). Os mecenas da igrexa de San Martiño de Moaña. M Servizos Gráficos, Moaña.
  • López Ferreiro, A. & Pita, F. (1882). Monumentos antiguos de la Iglesia de Compostela. Madrid, pp. 33-41. 
  • Sánchez Pardo, J.C. (2010). Las iglesias rurales y su papel en la articulación territorial de la Galicia medieval (ss. VI – XIII). Mélanges de la casa de Velázquez, 40-1, pp. 149-170. 

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación