O muíños da Paradela e a súa vinculación co Pazo do Rosal.

A primeira vista, pode parecer que elementos como os muíños non teñen nada que ver cós estamentos máis altos da sociedade. Porén, non todo é o que parece e este artigo demostra o porque. 

Durante os séculos XVII e XVIII a freguesía de Moaña converteuse na máis rica do Morrazo, máis incluso ca capital, Cangas. Por isto, amparándose no padroado e dereito de presentación dos abades da igrexa de San Martiño que posuía dende o ano 1650, a Casa do Rosal procuraba situar na reitoral moañesa cregos da súa liñaxe. 

En 1706 comeza a exercer de abade don Francisco Antonio Tavares Saavedra. Xa anteriormente exerceran o cargo tres cregos procedentes do Rosal, ao que tamén pertencía o novo cura. 

Por formar parte o Pazo do Rosal de vínculos e morgados a herdar polos primoxénitos varóns, o futuro párroco moañés estaba predestinado a estudar a carreira eclesiástica para non depender economicamente do herdeiro.

… en el estado de Libre, tuvo un hijo natural llamado Dn. Francisco Tavares Saavedra y Silba que lo hubo de Antonia de Silba ahora difunta, y vecina que fue de la feligresía de Salcedo, Obispado de Tuy…

Durante 56 anos (1706-1762), don Francisco Antonio Tavares pasou o período máis longo que párroco algún na reitoral onde mandaba sobre un vicecura e catro capeláns. Por isto, podía compatibilizar as súas labores eclesiásticas coas de administrador dos abondosos bens do Señorío do Rosal; a recadación que obtiña por este último cargo, xunto coa terceira parte dos décimos, a totalidade das primicias e outros impostos eclesiásticos, déronlle para adquirir casas, leiras, devesas, muíños, etc. que o converteron na persoa máis podente de Moaña, despois do seu primo don José Antonio Saavedra, quen dende 1750 comezou a aparecer nos documentos como Señor do Pazo do Rosal.

En la feligrasía de Moaña, y su término en los Ríos de Rialdarca, y en el de las Carvallas tiene el expresado Dn. Francisco de Tavares y Saavedra, cura, cinco molinos negreros de maquila, los dos de a dos ruedas y meuelen todos diez meses del año, que trae dos al tercio Domingo Piñeiro, y regulan por los dos primeros quinientos reales de vellón, y por otros dos de ellos, que trae en la misma conformidad al tercio Jacinto da Val, a doscientos por cada uno; y por el otro de los cinco, que trae al mercio María da Pena, soltera, cincuenta y un reais…

Aínda a día de hoxe coñécese a un dos muíños como Muíño do Abade, ao que se atopa en Pontellas, na Paradela. Os cinco muíños contrastan cos dous do seu primo no Rosal, e con outro situado na granxa de Dona Magdalena Mariño de Lobera, Señora consorte do pazo de Paxarín, na Ameixoada. Estas persoas, xunto con varios cregos de Moaña e Meira, un fidalgo de Bueu, un burgués de Santiago e algúns labregos, posuían os 36 que daquela moían en Moaña. 

Co obxectivo de tranquilizar a súa conciencia de home rico, don Francisco Tavares fundou en 1734 unha capela no interior da igrexa de San Martiño. Nela, un capelán, tiña que dicir unha misa rezada todos os venres do ano e outro, cantada, o día dos Dores da Virxe. O pago desas misas efectuábase coas rendas anuais dos seguintes bens, doados polo cura á capelanía:

  • A casa de Verducedo.
  • O campo e monte de vinte ferrados en Lourido.
  • A viña de catro ferrados en Baldomar, Abelendo.
  • O terreo de dous ferrados en Fiolledo.
  • O terreo de medio ferrado en O Pombar.
  • O terreo de catro ferrados en Castiñeira.

Don Francisco falece aos 87 anos despois de legarlle por testamento o capital que posuía ao seu netro, o crego don José Antonio Tavares, que chegou a ser o párroco de Domaio. Un ano despois asínase un contrato para botar abaixo a ábsida e a sancristía románicas do templo moañés co obxectivo de construír tres capelas e unha nova sancristía en estilo barroco. Nunha delas, sucesora da primitiva dedicada á Virxe da Soidade, compúxose un fermoso retablo cun altar no que un capelán continuou celebrando as misas encargadas polo fundador até o século XIX na que se desamortizaron os bens da maior parte das capelanías existentes. 

O camarín do retablo foi modificado en 1926 para situar nel unha talla de vestir da Nosa Señora das Dores, que substituíu a antiga Virxe da Soidade, achegada a Moaña xunto cun Cristo articulado e unha urna, a través do encargo que lle fixo unha veciña de Ameixoada, Xosefa Freire, ao famoso escultor compostelán Xosé Rivas quen, un ano despois, esculpiu a imaxe da Virxe do Carme mariñeira.  


Bibliografía

  • García Barreiro, M. U. (2013). Couto e Pazo do Rosal, Moaña. Gráficas Lasa, Moaña. García Barreiro, M. U. (2020). Os muíños da Paradela que no século XVIII pertenceron a un abade da familia do Rosal. Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña. 
  • González Fernández, X. M., Villaverde Román, X.C. & Pérez Rúa, M. (2012). A casa fidalga do Rosal, Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.
  • Villaverde Román, X. C. (2015). Derradeiros sucesores da dinastía Saavedra da casa-pazo de O Rosal en Moaña, Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación