O remo, deporte moañés

Case toda a veciñanza coñece alguén que nalgún momento adicou parte do seu tempo libre a practicar este deporte. É tan común en Moaña que é difícil pasar por alto a súa influencia na vila. Pero, de onde vén todo esta afición ao remo?

A tradición deste deporte comezou con aqueles mariñeiros que utilizaban a técnica do cerco-xareta, sobre todo a partir de 1902, e que continuaron remando e pescando de forma masiva até que chegaron os barcos de vapor e de motor. 

Todo comezou coas competicións entre a tripulación das embarcacións por ver quen era o primeiro en chegar á lonxa de Vigo co peixe a bordo e, así, poder vendelo ao mellor prezo posible. So competían no viaxe de ida, posto que no de volta xa viñan cargados co peixe. 

Xa en 1913, coa celebración das festas do Carme (enlace artigo sobre celebracións de Moaña) baixo a alcaldía do tenente-alcalde Parada, promóvese a sociedade “Los hijos del Mar”. As festas celebráronse no novo malecón con regatas de traiñeiras de vinte e dous tripulantes, botes de catro remeiros, cucañas, foguetes de artificio, música e bailes. Un acto da regata de traiñeiras foi publicado na revista Vida Gallega número 50 de 1914. 

No verán de 1992, Xosé C. Villaverde Román entrevistou no barrio da Praia a Antonio José Bernárdez Villaverde, mariñeiro xubilado de Moaña. Estas entrevistas foron gravadas e están recollidas na sede do APOI do Museo do Pobo Galego. Entre moitos outros temas relacionados co mar, como o asociacionismo, as artes de pesca, os refráns, etc., atopamos moita información sobre as regatas antes e durante a II República.

Xa neste momento, as regatas organizábanse como tal, deixando de ser unha mera competición entre os mariñeiros para ver quen chegaba antes a Vigo. Neste momento, cada parroquia buscaba xente para formar a tripulación da traiñeira. Os de Tirán buscaban xente de Tirán e os de Meira xente de Meira. De todos xeitos, participaba moita xente doutras zonas de Moaña.  Nos días de verán, sobre todo os días que non se ía ao mar, adoitábanse facer regatas de chalanas ou de lanchas grandes. Unha das primeiras que se fixo organizouse baixo a alcaldía de José de “Serafín” con lanchas de 24 homes. O día de San Martiño era un deses días nos que se celebraban estas regatas. Deixáronse de facer cando chegaron as embarcacións con motores. Ademais, adoitaban regatear tres ou catro lanchas nada máis, as que o alcalde consideraba que tiñan a mellor tripulación. Regateaban dende o barrio da Praia en dirección ás Illas Cíes. Ían e daban dúas voltas.

A xente que participaba daquela era toda de Moaña e tamén existían apostas por ver quen gañaba. O premio da tripulación era tan so o honor de ter gañado contra as demais embarcacións.  Antonio José relata como, coa chegada dos barcos de motor, comezáronse a organizar regatas por parte do Club Náutico de Vigo, a partir de 1946. Eran regatas pequenas que comezaron con botes de oito remos, e que despois aumentarían a doce. Este foi un momento de esplendor para as embarcacións moañesas e, por isto, en 1949 foron convidadas a participar na “Copa del Generalísimo” (competición de traiñeiras creadas por Franco e nas que, nun principio, so participaban as embarcacións do Exército, Mariña e Sindicato da Falanxe). A invitación ás embarcacións moañesas da Confraría de Pescadores de Moaña fíxose a través da organización franquista “Educación y Descanso” de Vigo e do seu secretario provincial De Lis Fontanes. Durante os anos 50 e 60, as traiñeiras de Meira y Tirán adoitaban participar neste tipo de regatas, acadando bos postos. Incluso eran animados polos medios de comunicación e polo NO-DO. En 1960, Meira conseguiu ser a campioa de España, algo que Tirán conseguiría no 1961.


Bibliografía
  • Cancelas Franco, X. (2015). Moaña, 1914: palmeando os aparellos na Praia de Moaña. Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña. 
  • García Barreiro, M. U. (2013). Moaña no camiño do mar (I).  Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña. 
  • García Barreiro, M. U. (2013). Moaña no camiño do mar (III). Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña. 

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación