O viacrucis de San Martiño: da tradición oral e elementos materiais.

Ás veces, a tradición oral pode axudarnos a comprender a historia que, so observando os monumentos, non podemos entender. Isto é o que acontece á hora de estudiar os diferentes cruceiros que se localizan na contorna de igrexa de San Martiño.

Ademais do asentamento castrexo e a igrexa medieval, podemos atopar distintos cruceiros na contorna da igrexa. Probablemente pertenzan a un viacrucis do século XVII, incluíndo un do XIX atribuído a José Cerviño.  

O camiño da cruz ou viacrucis consta das 14 etapas polas que pasou Xesucristo dende que o prenderon ata a súa crucifixión, morte e enterro. Trátase dun itinerario de oración e penitencia que aínda hoxe percorren miles de cristiáns durante Semana Santa, deténdose en cada unha das etapas para lembrar as incidencias que padeceu Xesús. Foi potenciado no Concilio de Trento (1545-1563) e practicado en varias parroquias galegas a través da construción, a partir do século XVI, de 14 cruces ou cruceiros de pedra por rutas exteriores de cada unha das súas igrexas. 

No caso da parroquia de San Martiño, unha tradición oral relaciona dous cruceiros do alto do adro da igrexa cun antigo viacrucis de pedra. Polo tanto, buscouse cal sería o seu itinerario e o motivo polo cal desapareceron a maioría deles. Estudouse un caderno depositado no Museo de Pontevedra denominado “Cruceiros do concello de Moaña” e escrito polo mestre e director da Escola Graduada de Quintela, don Jaime Iglesias González en 1981. No apartado nove lemos:

“No valado do adro da Igrexa parroquial de San Martiño de Moaña, seguindo o camiño da Xalde, hai unha columna de varal redondo liso e capitel semellante aos de tipo dórico, que en tempos moi pasados foi cruceiro. Está asentada sobre unha base prismática, con escalas cara ó adro. Carece de inscricións. Todo o mundo opina que é do tempo da Igrexa que data do século XII”. 

Na esquina nordeste do adro, nas proximidades do muro exterior do antigo cemiterio, estaba situado outro cruceiro derrubado na década dos cincuenta do século XX. Foi posible estudialo a través de fotografías. As súas características arquitectónicas son moi semellantes ao antedito cruceiro. Este será moi semellante a un terceiro, o da Soidade, tamén desaparecido.

O viacrucis de San Martiño: da tradición oral e elementos materiais. - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.19.12

O mestre Iglesias afirma que o cruceiro da Soidade situaríase a cincuenta metros da igrexa, á dereita da encrucillada dos camiños de Xalde e Casal de Cruceiro a Sabaceda. Nel atoparíase unha inscrición “Soledade”, aínda que comprobouse que en realidade estaba composta por unha frase “JS LA SOLEDAD DE M.”. As iniciais “JS” pertencerían a Jesús Salvatoris, Jesus Sanctus ou Jesus sepultus est. O significado de Jesús sepultado semella ser a descrición máis axeitada por tratarse da estación 14 e última, pois a morte de Cristo sempre estivo vencellada coa Soidade de María, cuxa primeira imaxe foi mercada pola Cofraría da Nosa Señora da Soidade, de Moaña. A Virxe da Soidade sería substituída en 1926 pola actual Virxe das Dores.

En cuarto lugar atopamos o cruceiro das Angurias. As súas características técnicas aparecen sinaladas no caderno anteriormente mencionado de maneira minuciosa. Destacamos o seguinte: “Non ten inscricións. Está moi coidado e limpo. Non se pode precisa-lo ano nin o motivo da súa construción -aínda que se lle botaron uns trescentos anos- pero sábese que foi feito por un tal Cerviño, canteiro analfabeto de Aldán-Cangas”. José Cerviño nacería en 1843 no lugar da Pena, de onde lle viña o alcume “Pepe da Pena”, na parroquia de Augasantas, Cotobade – Cerdedo. De todos xeitos, en 1964, Eugenio Eiróa Hermo afirmou que o verdadeiro autor sería Ignacio Cerviño Quinteiro, nado en 1834 tamén en Augasantas. A este escultor atribúeselle tamén o cruceiro do Hío.


Bibliografía
  • García Barreiro, M. U. (2021). Cruceiros na contorna de S. Martiño de Moaña. Centro de Documentación Local. Biblioteca de Moaña. 
  • García Barreiro, M. U. & Rodríguez Parada, J.B. (2022). As orixes da parroquia milenaria de Moaña. M Servizos Gáficos, Moaña.
  • García Barreiro, M. U. (2021). Os mecenas da igrexa de San Martiño de Moaña. M Servizos Gráficos, Moaña.
  • López Ferreiro, A. & Pita, F. (1882). Monumentos antiguos de la Iglesia de Compostela. Madrid, pp. 33-41. 
  • Sánchez Pardo, J.C. (2010). Las iglesias rurales y su papel en la articulación territorial de la Galicia medieval (ss. VI – XIII). Mélanges de la casa de Velázquez, 40-1, pp. 149-170. 
  • Fernández Rodríguez, C., González Gómez de Agüero, E. & Martínez Peñín, R. (2018). Estudio de un conjunto de materiales arqueológicos de época medieval de O Cruceiro-San Martiño (Moaña, Pontevedra). Férvedes Revista de Investigación, no. 9, Vilalba, pp. 197-207.

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación