A técnica da ardora na pesca de baixura de Moaña

A chegada de novas técnicas pesqueiras a Moaña tiveron difícil implementación nun primeiro momento. De todos xeitos, foi cuestión de tempo adaptarse. 

Como mencionamos no artigo sobre a chegada dos cataláns ao noso concello, a técnica da ardora converteuse na principal arte de pesca do concello a partir de 1902. Foi un sistema importado dende a costa cantábrica e era máis efectivo que os que se usaban anteriormente. A importancia desta técnica en Moaña foi tal que moitos mariñeiros e armadores coordinados por José Costa Alonso, integráronse en 1921 nunha sociedade que se implantara noutros portos españois. Foi denominada Pósito de Pescadores e o seu obxectivo era a defensa dos intereses pesqueiros, a protección social dos mariñeiros, a instrución dos nenos e mozos por medio de ensinanzas de orientación marítima e pesqueira, etc.

O 13 de novembro de 1939 inaugurouse o local de esta sociedade, aínda existente e que, nun principio, denominouse “Casa del Pescador”. Esta sociedade tivo moitas disputas coa “Alianza Marinera” dende a súa constitución e en 1944 converteuse en “Cofradía de Pescadores”. 

A técnica de ardora, tamén coñecida como a arte do cerco-xareta, componse dun gran pano de rede de forma rectangular cunha dimensión variable, dende 250 a 1000 metros de lonxitude e uns 40 metros de profundidade, segundo o barco. Dispón na parte superior do número adecuado de flotadores para mantela en posición vertical ao lanzala á auga. 

Estes panos de redes construíanse con fibras naturais, preferentemente de algodón, e eran introducidas en caldeiros de auga con cascas de piñeiro e outro produtos para facelas resistentes e, ao mesmo tempo, darlles a súa cor castaña característica. Esta operación adoitábase facer en talleres de Moaña e denominábase “casca”. 

Para que as redes non se podrecesen despois de mollarse no mar, había que estendelas nos tendais, instalados con postes de pedra e traveseiros de madeira na praia da Xunqueira. A maioría eran públicos, pero existían algúns de propiedade privada. O traslado das artes de pesca dende o peirao até os tendais, a súa colocación nos mesmos para secar e o seu posterior regreso, era feito polos propios mariñeiros de cada embarcación a través de carros movidos por gando vacún ou por eles mesmos. 

A pesca de baixura foi diminuíndo progresivamente a partir da década dos sesenta do século XIX, ao abrirse novos mercados de traballo, primeiro de buques de altura en Vigo e despois de transatlánticos ou buques mercantes holandeses ou alemáns.


Bibliografía
  • García Barreiro, M. U. (2013). Moaña no camiño do mar (I).  Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña. 
  • García Barreiro, M. U. (2013). Moaña no camiño do mar (III). Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación