A gran tradición da salgadura e a chegada dos cataláns a Moaña.

Hoxe en día, Galicia é pioneira na industria pesqueira. Isto debeuse a un longo recorrido dos nosos antepasados, quenes loitaron enerxicamente e traballaron coma nunca para dárlle importancia  á industria pesqueira galega en xeral e moañesa en particular.

Até a invención da Franza en 1820 (cerramento hermético para caixas de folla de lata con peixe no interior) existían catro procedementos para a conservación do peixe: o afumado, o escabechado, o secado e a salgadura. Este último era o máis común e consistía en descabezar, eviscerar e limpar a especie máis común (neste caso, a sardiña) para salgalos e almacenalos en recipientes de madeira. 

Esta actividade, complementaria á pesca, denominábase “escochado” e practicábase polas familias mariñeiras de todas as parroquias de Moaña nas súas vivendas. Practicábase, sobre todo, nos momentos de abundancia do peixe para facer fronte ás tempadas de escaseza. 

Todo isto cambiou coa chegada de mariñeiros cataláns en 1756, que constituíron grandes almacéns e factorías de salgadura. As sardiñas eran procesadas en lotes, mesturando a sal coa axuda de pas e efectuando a súa inmersión en salmoira dentro de píos de cantería cuxa cabida era moi superior á dos recipientes de madeira que usaban anteriormente os mariñeiros autóctonos. 

A innovación que trouxeron os cataláns foi o uso dunha prensa de madeira, a “prensa de machos”, que extraía a graxa das sardiñas colocándoas unhas enriba das outras, prensándoas durante doce horas e deixando que esta saíse lentamente e se deslizase por unha rede de canles cara un pozo de almacenamento. A graxa recollida vendíase para curtir peles e para preparar pinturas. Este novo proceso precisaba unha maior captura de sardiñas. Polo tanto, os cataláns impuxeron unha nova arte de cerco, a “xávega”. 

A finais do século XIX, chegou a Moaña “o Catalán”, Juan Vázquez Conde. Viña de Marín para adicarse á salgadura do peixe nun almacén que xa existía con anterioridade, nos baixos da edificación do século XVIII correspondente ao Pazo do Real. Estes restos, que aínda se atopan en bo estado de conservación, representan a memoria viva da historia de Moaña. 

Posteriormente comezaría a facerse cargo dun segundo almacén de salgadura, xa existente e ubicado no Con. O seu anterior propietario fora o dono do Pazo de Paxarín. Neste almacén, antes de pasar a mans do catalán, salgouse peixe até que se converteu nun estaleiro na década de 1940. 

Tamén se adicou a salgadura a que despois se converteu na fábrica de conservas herméticas que pertenceu a familia dos Alfageme e que aínda está en pe no barrio do Con, aínda que adicada á conxelación do peixe.

Ademais destes tres almacéns de salgadura, temos constancia de que existían outros dous en Meira e en Domaio, sendo quizais o máis antigo de todos o que se atopaba en Domaio, onde máis tarde se ubicou o estaleiro de Benito González. 

Multiplicación das fábricas de salgadura

Despois da Guerra de Independencia (1808-1814) chegou a Galiza unha segunda vaga de cataláns, multiplicándose as fábricas de salgadura e a pesca de baixura. Chegouse a un máximo de 250 almacéns e de 17 000 toneladas obtidas no ano 1828 en todo o país. Os cataláns intensificaron a exportación do peixe salgado ao mercado español, sobre todo ao Levante. Isto incrementou a aparición de botes de pesca en Moaña e a reconversión dalgúns labradores en pescadores e de mulleres en traballadoras de factorías de salgadura.

Coa aparición da conservación do peixe en caixas herméticas de folla de lata en 1820, comezaron a procesarse os produtos do mar con esta nova técnica. En 1879, o catalán Manuel Godoy construíu a primeira fábrica galega, na Illa de Arousa. Ante o éxito da fábrica, comezáronse a instalar outras moitas polo litoral galego, chegando a ser máis de 100 no ano 1907. Dúas delas ubicáronse en Meira e en Tirán. 

Neste proceso tivo unha enorme importancia a ausencia de sardiñas nas costas galegas, dende 1880 a 1887. Isto orixinou a creba das que se construíran na Bretaña francesa ao depender da sardiña galega. Os donos formaron sociedades cos cataláns para construír fábricas no litoral galego, empregando man de obra feminina e materia prima propia. Exemplo típico disto foi a inauguración o 14 de xullo de 1883 da fábrica de conservas de Bueu, propiedade da empresa S. Massó e fillos e a de Félix R. Domingo de Bayonne. 

A fábrica de “La Guía”

Posteriormente, no ano 1942, empezou a construírse unha fábrica conserveira en Meira, pero un temporal a derrubou antes de estar rematada. Interrompéronse as obras até o ano 1957 e a fábrica foi rematada en 1958. Dende ese ano até o 2 de xaneiro de 1981 a fábrica de “La Guía” chegou a dar traballo até 500 mulleres. A primeira especialidade que saíu desa factoría, propiedade de Enrique Lorenzo Docampo, foron as “Sardinillas del Arroaz” e a última os “Calamares en su tinta”. 

A fábrica non so tivo importancia a nivel local, pois os seus produtos foron aprezados en toda Europa. A súa importancia foi tal que o barrio onde se localizaba, A Serval, foi renomeado como A Guía, en honor á fábrica, que se denominaba así por estar localizada xusto en fronte do montículo da Guía, en Vigo. 

 

A maior parte do persoal que empregaba a fábrica de conservas era feminino e de baixo custe laboral. Por iso as conservas eran moi competitivas tanto no mercado español, como en Europa e Oriente Medio.

Como consecuencia, construíronse intensivamente buques en Moaña. Comezaron con traiñeiras dende 1898 e despois apareceron barcos de vapor e con motor, habendo até un máximo de 111 barcos de propulsión mecánica en 1949. Estes barcos daban traballo a máis de 2 500 homes e, de modo indirecto a través de fábricas de conservas, estaleiros, reparacións de redes, talleres mecánicos, cordelerías, etc. a outras 2500 persoas de ambos sexos de todo o concello.

Polo tanto, dende 1756 e 1902 aumentou en Moaña o número de persoas adicadas á pesca e salgadura do peixe. A partir de 1902 introduciuse unha nova técnica, a da ardora, proliferaron as fábricas conserveiras e apareceu a exportación en fresco dende a lonxa do Berbés de Vigo. Así, os traballos relacionados coa actividade pesqueira ocupan á meirande parte dos habitantes do concello de Moaña, desprazando así á agricultura e á gandaría como primeiras fontes de emprego. 

Relacionado con esta implantación en Moaña do sistema capitalista e a discriminación feminina, hai que destacar o que se observa en varias fotografías das conserveiras. Os homes aparecen calzados e adicados a labores técnicos de certa cualificación. En contraste, as mulleres aparecen descalzas e ocupadas na realización de traballos de maior esforzo físico, sendo os seus salarios moi inferiores aos dos seus compañeiros homes. 


Bibliografía

    • Cancelas Franco, X. (2015). Moaña, 1914: palmeando os aparellos na Praia de Moaña. Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña. 

      García Barreiro, M. U. (2013). Moaña no camiño do mar (I).  Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña. 

      García Barreiro, M. U. (2013). Moaña no camiño do mar (III). Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña. 

  •  

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación