Festas locais: A Peregrina, Remeirás, San Bartolomeu, San Antonio e o Carme

As festas da Peregrina en Meira

O domingo 9 de agosto de 1903 celebrouse a primeira festa da Peregrina, promovida por dous indianos, Juan Piñeiro e José Currás, propietarios dunha finca con casa e unha capela con adro na que se fixera a primeira función relixiosa en 1895. Constituíron unha fundación e quixeron facer unha misa maior e unha procesión por fóra do adro onde se recollerían as limosnas. Os organizadores conseguiron permiso do arcebispo, pero Domingo Antonio Freijomil, párroco de Meira, non estaba de acordo.

A festa celebrouse sen misa e sen procesión a pesar de que a organización intentou traer un cura dende Vigo ao que o párroco prohibiulle dicir misa. Moitos romeiros da zona e incluso de Vigo remataron facendo unha manifestación e pola tarde convidaron á banda de música a tocar a Marsellesa dándolle vivas á República e a Salmerón, protestando contra o párroco e o clericalismo. Días despois produciuse un gran debate con descalcificacións incluídas na prensa da época entre os donos da capela e o párroco, uns en medios republicanos e outro en diarios católicos. Os primeiros dicían que todo obedecía ao enfrontamento entre a sociedade Unión Agraria, da que o cura era o dirixente, e a Liga de Contribuíntes.

O 25 de outubro de 1903 o cardeal de Santiago dispuxo a suspensión da festa e que n futuro os organizadores se limitaran a programar dúas misas rezadas. Días antes estoupara un cartucho na casa de Juan Piñeiro e José Currás, provocando danos materiais.

En 1925 compra a finca da Peregrina José Campos Blanco, conserveiro e sogro do alcalde Ernesto Carballo, ese ano faríase a festa os días 14 e 15 de agosto. No 1928 celébranse grandes festas o 11, 12 e 13 de agosto. O domingo, día 12, inaugúrase o campo de fútbol do Cocho do que foi promotor e alma máter do Meira F.C. Emilio Gramary. 

A antiga romaría de Remeirás, na Ameixoada. 

Esta romaría adoitábase celebrar nunha carballeira situada entre o barrio da Ameixoada e a Pedra da Pena. Os veciños celebraban unha romaxe á que chamaron Remeirás. Bailaban arredor dun gran carballo, o máis vello do lugar, dándolle as grazas polas sementeiras que xa estaban rematadas e ofrecían tamén rogativas para favorecer a próxima colleita. Revestida con este carácter panteísta, a romaría chegou até comezos do século XX.

Coa entrada deste século, a romaría do Remeirás abandonou a carballeira e comezou a celebrarse no barrio da Ameixoada, nunha zona máis céntrica. Nesta época a súa celebración coincidía co 8 de maio, día da Ascensión, aínda que nalgúns anos atrasábase algúns días até que remataran os traballos nas veigas. Arredor do ano 1920 unhas veciñas do barrio que recollían estrume nas tomadas da Casa de Paxarín, atoparon a figura de madeira dun santo descoñecido á que lle faltaba un brazo e unha perna. Levárona para a súa casa e un carpinteiro arranxouna deixandoa coma nova.

Mentres se ía cristianizando este antigo ritual pagán anterior da Guerra Civil, un cura, emulando a San Mariño de Dumio, co pretexto de celebrar unha festa de xeito “máis civilizado”, ordenou queimar aquel vello e descomunal carballo primixenio. Agora ben, nin os curas nin ninguén foi capaz xamais de dicir que santo era ou é o do Remeirás. 

A romaría celebrábase nun só día, mais moi intenso e longo. O santo, aínda que cativo e descoñecido, fixo no Reimeirás os seus milagres. Unha veciña do Casal, que tiña un pé e unha man chea de espullas, cando mirou o santo e dixo “que raro e pequeno, e pobre, si me levara as espullas aínda lle daba mil pesetas”. Catro días máis tarde tivo que cumprir a promesa e achegarlle os cartos ao santo. Algo semellante lle pasou a unha veciña de Cangas. 

O “santo do Remeirás”. Foto de Luís Chapela Bermúdez.

Esta romaría sempre espertou a desconfianza dos curas, a imaxe, sen atributo, tiara, incensario ou báculo, resultaba dificilmente identificable no santoral. En certa ocasión a comisión de festas falou con señor Heraclio, cura de San Martiño, para que oficiara unha misa de campaña. Este díxolles: “que non vou, que ese santo é pequeno e ten pouca liñaxe,… ademais non podo”. Entón persuadiron a un cura foráneo para que celebrase a misa, todo ía ben ata que chegado o momento da eucaristía, o cura mirou de esguello para o “santo” e, dirixíndose aos feligreses, comunicoulles a súa decisión de non celebrar a comuñón, pois o santo mirábao de mala maneira, e case apostaría que era protestante. Seguramente o dixo polo vestido vermello que ten, segundo testemuñas presenciais quedaron todos sen saber que dicir e un tanto asustados. 

Un par de anos antes de que se deixara de celebrar a romaría, os propios membros da comisión, pais de familia, veciños todos do lugar, ao remataren a festa e cun par de cuncas de máis, andaron cantando serenatas polas portas dos veciños co santo ao lombo. Alguén os denunciou ao cura de Coiro, e este fixo o propio diante da Garda Civil. Tiveron que pagar unha pequena multa e todo quedou en nada grazas aos bos oficios dunha monxa da casa de Paxarín que os coñecía a todos.

A romaría de Remeirás celebrouse por última vez en 1985. Dende entón, o “santiño” durme na casa dunha destas mulleres que o atoparon, señora María de Galla. 

As festas de San Bartolomeu. 

En canto á súa orixe, conta unha lenda popular que uns mariñeiros estaban a pescar arredor da illa de Toralla cando apareceu un mociño a bordo. O cociñeiro da embarcación, ao velo cheo de fío, achegoulle unha vela de embarcación para abrigalo. De alí a un pouco, a vela desapareceu e o patrón preguntou por ela. O cociñeiro explicou o que pasara, entón o patrón amarrou ao mozo ao pau do veleiro, que empezou a navegar máis rápido que nunca. Cando chegaron á Illa de San Bartolomeu o rapaz desapareceu, pero atopárono máis tarde na praia e puideron comprobar que era o mesmo San Bartolomeu.

Esta simple lenda xa nos pode achegar algo de información sobre a orixe do nome da illa. Sabemos polo profesor Vázquez Marinelli e polo cronista moañés Manuel Uxío que arredor de 1671 o abade Juan del Puerto creara a primeira confraría adicada a Santa Guadalupe e, en 1730, o relixioso Juan Antonio de la Peña fundou a confraría de San Bartolomeu. A partir de entón a festa celebrouse nas mesmas datas de agosto e, co século XX, cumprimentouse coa celebración da festividade do Carme. Esta histórica ermida foi trasladada e reconstruída a uns poucos metros en 1973. 

As festas de San Antonio en Moaña.

As principais festividades que se celebraran en Moaña, dende o século XVI, estaban administradas polas oito confrarías seguintes: San Martiño, Virxe do Rosario, Virxe da Soidade, San Francisco de Paula, Santísimo Sacramento, Ánimas do Purgatorio,, San Roque e San Antonio de Padua. Ao fronte de cada unha delas atopábase un mordomo, que tiña funcións parellas á dos actuais presidentes das comisións de festas; entre elas, a de render contas cada ano diante do cura propio moañés, apuntalas no correspondente libro de contas e asinalas. 

Nos libros de contas que se conservaron na antiga reitoral de Moaña, ata o seu traslado ao Arquivo Diocesano de Santiago, atópanse as ordenanzas e constitucións da meirande parte delas e o seu desenvolvemento ao longo do tempo, até a extinción de cada unha a finais do século XIX e comezos do XX. 

A imaxe de San Antonio aparece recuberta, excepto cabeza e mans, por unha lámina de pan de ouro, posiblemente a máis antiga da igrexa de San Martiño, pois algúns expertos a datan nos anos finais do século XVI ou comezos do XVII. Cabe deducir que por ese tempo debeu comezar o seu culto en Moaña.

Están perfectamente documentadas as ordenanzas e constitucións da súa confraría, asinadas en 1754, que comezan, como acontecía con todas as do arcebispado, nomeando, por orde xerárquico, aos seus confrades de honra: o papa Benedicto XIV, o rei Fernando VI, a raíña, príncipes, infantes, arcebispo de Compostela, deán, cabido da catedral, vicario xeral, visitadores e o cura propio de Moaña, don Francisco Antonio Tabares Saavedra (vinculación co artigo do pazo do Rosal). Como as confrarías esperaban durar varios séculos, na citada relación aparecen tamén os seus herdeiros. 

Na data do 13 de xuño, festividade de San Antonio de Padua, as constitucións mandaban que se honre ao santo cunha misa solemne á que deben asistir cinco curas, presidida polo propio abade; os mesmos cregos debían asistir aos oficios de vésperas no día anterior e dicir unha misa rezada; polas misas e vésperas, a cada un dos seis curas,, o mordomo da confraría tiña que pagarlle seis reais.

Esta constitución é moi importante de cara a coñecer o xeito de darlle honra ao seres sagrados das oito confrarías moañesas, nos aspectos relixiosos e profanos, tanto nas vésperas como no día propio de cada un deles; para tal fin, contratábase a un único gaiteiro que, ademais de acompañar as procesións, amenizaba os bailes no adro baixo, o cal foi substituído a partir de 1874 por músicos e, dende comezos do século XX, por gaiteiros para as procesións e alboradas e orquestras polo serán. Tamén salientan as devanditas ordenanzas o feito de que a imaxe de San Antonio, xunto con outras, saíran nas procesións de todas as festas principais da freguesía, costume que aínda era frecuente antes da Guerra Civil e logo perdeuse. 

As fontes de financiamento da confraría de San Antonio procedían, maioritariamente, das esmolas en especie que doaban os moañeses; a relación das mesmas, xunto coa de gastos do ano 1874, asinadas no libro de contas da confraría. 

Con respecto ás devanditas ordenanzas da confraría, un século máis tarde de asinarse deixase de contratar a un gaiteiro por músicos de Moaña e Cangas que en 1880 formaron a primeira banda de música moañesa, a dos Bichucos, dirixida por Fernando Costa Paredes de Ameixoada.

As festas na honra de San Antonio de Padua continuaron na igrexa e adros de San Martiño até a década dos 60 do século XX. Nesa última época actuaban, pola mañá, un grupo formado por dous gaiteiros, caixa e bombo para as alboradas, alzamento na misa maior, procesión do santo arredor do templo, pequeno concerto e desfile de despedida. Nada máis rematar a procesión, dende o palco, hoxe desaparecido, efectuábanse poxas de diversos produtos do campo e pequenos animais domésticos. Con respecto á tarde e noite, contratábanse unha ou dúas orquestras para que as persoas, de todas as idades, bailasen no adro baixo. 

Dándolle remate a unha longa época en que se facían promesas ao santo para que curase aos animais domésticos das casa, cuxo maior intercesor era San Antonio Abade (San Antón), antes da misa maior algunhas mulleres camiñaban de xeonllos cunha vela nunha man e, coa outra, apoiada na dun familiar que lle axudaba a percorrer o traxecto que ía dende o Cristo das Angurias até o templo. Habíanas tamén que facían, do mesmo xeito, o percorrido da procesión, detrás da imaxe. Por ese tempo xa non se honraba cunha misa solemne a San Antón no seu día, como mandaba unha das ordenanzas da confraría. 

A festa de San Antonio de Padua recuperouse na capela e adro da Virxe dos Miragres, en Verducedo, de xeito parello a como se celebraba na igrexa matriz de Moaña, aínda que sen a colaboración de ningunha muller camiñando de xeonllos: na actualidade, continúa celebrándose no mes de xuño de cada ano. 

As festas do Carme.

Grazas ás investigacións de Manuel Uxío, temos constancia de que en Moaña, a advocación á Virxe do Carme ven de 1672, cando a imaxe da virxe era venerada nunha casa en Broullón, onde se facía misa dominical, até que retornou á igrexa de San Martiño no século XX. Antes de que as autoridades eclesiásticas dividiran a freguesía de San Martiño, en 1961, nas de San Martiño e a Virxe do Carme, as autoridades locais conseguiron trasladar os festexos ao emerxente barrio da Praia, dominado precisamente polo gran aumento de mariñeiros, armadores e pescadores. 

Efectivamente, a puxanza comercial do barrio da Praia, na medida que ía incrementándose o núcleo poboacional, ía demandando melloras en todos os sentidos. Así, no relixioso, o tenente alcalde José Parada (Pepe de Serafín), posteriormente alcalde, foi un dos primeiros propulsores en organizar en 1913 as festas do Carme na Praia de Moaña. Para iso contou coa colaboración do comercial e industrial Ventura Pérez, que se encargou de montar un restaurante de comidas e bebidas para todos.

Nese ano, as bandas de música municipais de Vilagarcía e a Popular de Vigo encargáronse de animar os barrios da Praia, Quintela, Abelendo, O Casal e O Cruceiro, para rematar en sendos concertos no recheo da Praia. O tal recheo acabouse de facen en 1914, chamado por entón o malecón, unía o Pontillón e a Gorita (hoxe o Vaticano). 

Nesa efeméride en 1913 houbo unha sesión fotográfica, hoxe desaparecida, dos tripulantes mariñeiros das embarcacións máis distinguidas. Non obstante, si que conservamos imaxes das regatas de traiñeiras de 22 tripulantes que participaron no evento e da finalización da carreteira de abaixo (malecón).

Os festexos, organizados pola asociación Los Hijos del Mar e José Parada, que ostentaba unha cafetería en Quintela, celebrábanse a partir do 25 de xullo, e a verbena, na Praia, que somente duraba até ás doce ou unha da madrugada, estaba ambientada por unha iluminación á veneciana (farolillos de acetileno). Debemos lembrar que a luz eléctrica chegou a Moaña en 1925. 

No adro da parroquia de San Martiño soltouse un globo xigante anunciando as festas e, pola tarde, no recheo da Praia, houbo máis globos grotescos e foguetes voadores. Organizábanse tamén merendas e cucañas amenizadas por gaiteiros e organillos.

A procesión do Carme do día 26 de xullo tivo lugar a partir do mediodía, a lombo dos mariñeiros e polos lugares de costume e de unha a dúas da tarde había concerto no adro parroquial. A partir das cinco os festexos continuarían na Praia.


Bibliografía
  • Cancelas Franco, X. (2015). As vellas festas da Peregrina en Meira. Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.
  • Chapela Bermúdez, L. (2021). A romaría de Remeirás. Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.
  • García Barreiro, M. U. (2018). As festas de San Antonio en Moaña ao longo do tempo. O Canastro, revista da asociación veciñal de Berducedo e Piñeiro, pp. 13-15.
  • Villaverde Román, X. C. (2015). As primeiras festas do Carme en 1913. Centro de Documentación. Biblioteca Pública de Moaña.
  • Villaverde Román, X. C. (2015). San Bartolomeu. Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación