O entroido tradicional: curruvellos, xogos, madamas e galáns.

Madamas e Galáns: Vestimentas de comezos de século que aínda son familiares.

Os disfraces tradicionais eran as Madamas e os Galáns que formaban as parellas de “Bonitos”. Forman parte dunha tradición que se tenta recuperar cada vez máis.

As Madamas vestían con varias eneguas e un vestido longo negro, con preciosos adornos, encaixes e volantes. Tamén levaban unha blusa branca con encaixes, puntillas e bordados e un chal. Sobre as roupas era obrigado levar moitas xoias de ouro que ían pedindo aos veciños: pulseiras, colares, pendentes (canto máis grandes mellor). Ían ben peiteadas e cun moño na cabeza. Lucían os seus encantos bailando cos seus Galáns no torreiro, nun lugar reservado para eles. Os Galáns ían cuns pantalóns brancos, camisa branca, e chaleque negro con pequenos petos dos que penduraba a cadea dun reloxo antigo. Tamén levaban unha faixa azul ou vermella como complemento á “pajilla”, un sombreiro de palla cunha cinta negra da que perduraban outras cintas de cores. Ademais da súa elegancia, distinguíanse porque eran bos bailadores.  

Outros disfraces moi comúns de comezos de século eran os que xiraban en torno aos animais. Un exemplo sería a “fera”, do que coñecen algunhas variantes, como a “Coca” en Redondela e outras vacas ou cabras. Era un disfraz no que participaban unha ou varias persoas e que consistía en meterse baixo dunha manta e un deles puña na testa unha cabeza de vaca feita de madeira cunha boca moi grande que se abría e se pechaba. Os homes e mulleres que a miraban íanlle botando herba na boca e a vaca a comía. A xente tamén pasaba un bo rato pegándolle cun pau a un home que ía disfrazado de cabra salvaxe que daba berridos. Segundo a lenda, tratábase da cabra do monte. O tal home cubríase cun caparazón de madeira, cunha manta e varios pelexos que simulaban ser unha cabra. Tamén levaba unha cabeza cunha boca moi grande pola que berraba e que podía abrir e pechar para asustar aos máis pequenos. Os que non tiñan medo dábanlle paus no lombo.

O entroido tradicional: curruvellos, xogos, madamas e galáns. - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.21.10

Os curruvellos. 

O signo de identidade do entroido moañés.

Os curruvellos. Foto cedida por Lola Cancelas, do arquivo de Xavier Blanco.

Os curruvellos son a figura principal do entroido tradicional de Moaña. A palabra provén de vello e de curro (vara para currar) e con isto os nosos antepasados acadaban infinidade de transformacións de identidade e de xénero. Xeralmente o disfraz estaba composto de roupa vella ou fóra de uso, unha caroza de pel, trapo ou papel e unha vara de cana ou pau.

Os disfraces comunmente estaban feitos de roupa vella que se atopaba na casa e que xa non se usaba. Tapábanse a cara un pano ou cunha careta, poñíanse uns zapatos vellos, un chaquetón con remendos e pantalóns de gran tamaño no caso dos homes. As mulleres podían levar unha saia vermella ou negra e vella, un pano na cabeza, unha chaqueta de lá negra e un mantón. Moitas veces levaban un pau na mar para defenderse ou para darlle medo aos nenos. Estes eran os denominados Curruvellos, personaxes que non podían faltar no entroido e que se adicaban a visitar aos amigos ou coñecidos. Era moi importante que o curruvello non fose descuberto e para iso finxía a voz ou non falaba. Facía chistes, caía antipático e, mesmamente, era respectado.

Antigamente moitas persoas participaban no entroido como curruvellos e percorrían sos ou acompañados os camiños e as rúas para divertirse meténdose coa veciñanza, sobreactuando de xeito esaxerado con chistes, parodias ou perseguindo aos nenos e nenas para varealos co curro dun xeito normalmente simbólico. Tamén distorsionaban os xeitos, os movementos e as voces para evitar ser recoñecidos.

As nenas e nenos disfrazados acostumaban a ir en grupo e ás veces pedían algo de diñeiro, melindres ou pinchos polas portas e tabernas. En ocasións levaban reque-reques e outros útiles sonoros para acompañar as cantigas ou simplemente para facer ruído. 

Na tradición antiga, dende o domingo pola tarde até o martes, os curruvellos andaban de percorrendo as aldeas. O martes pola tarde facían xogos, os bailes e o teatriño nos eirados da Focha en Abelendo, na Grela en Tirán, no Paso redondo e Loural en Meira, na Veiga de mal en Piñedo-Verducedo, nas Veigas da eira en Paradela e no Souto en Domaio, entre outros. 

O mércores de cinza cada aldea remataba o entroido coa queima do “momo”, un boneco figurado á imaxe e semellanza do curruvello, para simbolizar que morría o entroido. 

Tempo de xogos e enchenta.

Os xogos tamén foron un elemento fundamental no entroido tradicional moañés. Destacamos a Corrida do Galo, sendo o xogo máis importante que se coñece e o que posúe diferentes variantes. En Verducedo, por exemplo, atábase ao galo a unha corda que atravesaba o camiño e os que querían participar tiñan que pagar unha “cuota” en diñeiro. Colocábanse a unha distancia determinada e cos ollos vendados e un machete na man tentaban ferir ao galo. O premio para aquele que conseguía ferilo era o propio galo. 

En canto ás comidas, a comezos de século XX, momento de moita fame, comíanse sardiñas salgadas, afumadas, secas, etc., mais sempre sardiñas. Ademais, tamén no entroido comíase moito porco (cacheiras, orellas, chourizos, etc.) e, desobremesa, bandullo, filloas ou chulas. As comparsas ían cantando as súas murgas ás casas fortes ou ás tabernas para comer pan de millo ou, no mellor dos casos, pan de trigo. Tamén ían para beber unha fecha de viño. Cando había sorte, até lle poñían unha boa mesa con pan, anacos de porco e viño.


Bibliografia
  • Asociación Cultural Nós (2013). O entroido onte. Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña. 
  • Blanco, X. (2021). O entroido dos Curruvellos. Xavier Blanco. Mestre da memoria.
  • Méndez, M. (2015). Un entroido histórico I. Centro de Documentación Local Biblioteca Pública de Moaña.  Méndez, M. (2015).
  • Un entroido histórico II. Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación