As pegadas da fidalguía en Moaña: a dinastía Saavedra.

Na Idade Moderna a fidalguía galega tivo moito poder e influencia en Galicia e en Moaña non ía acontecer o contrario. A ausencia da alta nobreza, emigrada en Madrid, provocou que liñaxes como o dos Saavedra acadasen postos importantes.

González Fernández, xunto Villaverde e Pérez Rúa afirman que foi Gonzalo Saavedra quen mandou edificar o pazo de O Rosal en torno á década de 1640 xa que é o primeiro que se intitula Señor da Casa do Rosal. Tivo por descendentes a dona Urraca, casada con don Francisco Pimentel; a dona Josefa, casada con don Luis de Zúñiga; e o capitán don Nicolás Saavedra Romai y Figueroa, primoxénito herdeiro de O Rosal. A este sucedeulle na casa de O Rosal o capitán don Antonio Jacinto Saavedra Romai, nacido en Vigo en 1727 e matrimoniado con doña Jacinta de Yebra Oca y Pimentel, da Casa de Láncara. Tiveron de descendendia a don Pedro, abade de Moaña; don Antonio, cura de Domaio; don Manuel, falecido sen descendencia; e doña Agustina, casada en 1770 con don Manuel Olavarrieta, Señor do Troncal. Este último matrimonio terá como descendencia a don Ramón Olavarrieta, Comandante da Milicia Nacional e alcalde do efémero Concello Constitucional de San Salvador de Teis en 1822. O primoxénito, don José, herda o morgado familiar de O Rosal. 

A finais do século XVIII encabeza a liñaxe don José Saavedra Yebra, nacido en Moaña en 1765, quen casaría con dona María da Escravitude Bermúdez Saco. Esta era filla do nobre don Antonio Bermúdez de Sotomayor, Señor da Xurisdicción e Casa de Tebra. Deste matrimonio nacen dous vástagos, don Gregorio, ingresado no Corpo de Garda-Marinas no 1805; e don Manuel, herdeiro do vínculo do Rosal. Este matrimonio levará aos Saavedra a un momento de esplendor, xa que encargábanse da administración dos bens de Tebra, entre outras moitas terras. A expansión da Casa do Rosal estaba a piques de chegar ao punto máis álxido, mais os Saavedra comezaron a desvencellarse do pazo solar moañés. 

Don Manuel Saavedra sucede ao seu pai en 1824 e casara con dona María de la Concepción Costas y Arce, polo que recibiron a herdanza do patrimonio da Raposeira, en Vigo. A súa filla dona María de los Dolores casa con don Idelfonso López Hedigar e deste matrimonio nacerán os actuais donos do pazo, quedándose co morgado o último posuidor antes da división patrimonial, don José Saavedra Costas. 

Don José distinguiuse por ser un dos membros da nobreza rural galega que defendeu o Réxime Liberal de Isabel II fronte ao carlismo. O señor do Rosal será nomeado en 1837 Comandante da Milicia Nacional do Distrito de Meira. De todos xeitos, debía pasar grandes tempadas en Vigo, deixando as súas posesións moañesas a cargo de diferentes administradores.

Por outro lado, seguindo as investigacións do cronista moañés Manuel Uxío García Barreiro, Dolores López Saavedra ocupou o undécimo lugar na herdanza do morgado de O Rosal e a última descendencia directa da dinastía dos Saavedra, creada en 1633 por don Gonzalo Saavedra Figueroa. A casa-pazo dos Saavedra no Rosal enseñorou durante tres séculos un dos maiores poderes nobiliarios do Morrazo, chegando a ter algúns terreo tamén en Vigo, Lugo, Sanxenxo, Redondela, Pazos de Borbén, Vilafranca do Bierzo e ata Cartaxena de Indias (Colombia).

As pegadas da fidalguía en Moaña: a dinastía Saavedra. - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.10.20

Dolores Saavedra e Luis López Guitián, señores do Pazo do Rosal, 1907.

JOSÉ GIL 

O morgado e a vinculación ao primoxénito do couto e pazo do Rosal encádrase na Idade Moderna. De todos xeitos, conservamos tamén reminiscencias medievais como os arrendamentos, foros, subforos, etc. Sobre todo, isto nos axuda á comprensión dunha sociedade rural, estruturada na identificación das parroquias (o concepto de municipio non existirá até a Constitución de 1812) e da formación dos concellos na provincia de Pontevedra no ano 1836. Dona Dolores López Saavedra non tivo descendencia directa lega o patrimonio da casa-pazo aos tres fillos varóns da súa irmá, dona Purificación, casada co escritor e avogado don Amador Montenegro Saavedra. Así iniciaríase a liñaxe Montenegro coa casa-pazo e os terreos colindantes que, posteriormente, os herdeiros fraccionarían e venderían dando orixe á urbanización de O Rosal.

En 1999 véndese definitivamente a casa-pazo e os terreos próximos. 


Bibliografía

  • García Barreiro, M. U. (2013). Couto e Pazo do Rosal, Moaña. Gráficas Lasa, Moaña. 
  • González Fernández, X. M., Villaverde Román, X.C. & Pérez Rúa, M. (2012). A casa fidalga do Rosal, Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.
  • Villaverde Román, X. C. (2015). Derradeiros sucesores da dinastía Saavedra da casa-pazo de O Rosal en Moaña, Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación