As mulleres de Moaña e o seu labor no mar.

Foto de Carmen Boubeta Pena, do Arquivo de Xavier Blanco.

Ás veces, a historia esquece a aquelas persoas que non actuaron directamente nos feitos históricos máis importantes, pero que sen elas, os protagonistas dos acontecementos máis importantes non poderían chegar a onde chegaron. Neste caso, temos como protagonistas a aquelas mulleres que traballaron arredor do mar.

As mulleres galegas en xeral e moañesas en particular foron fundamentais no desenvolvemento da industria pesqueira do século XX. Ás veces, podemos pensar que so os homes foron os protagonistas do traballo no mar simplemente polo feito de que o seu traballo era exercido de forma directa. De todos xeitos, detrás da recollida de peixes e mariscos na pesca de baixura e altura, había outros tipos de oficios fundamentais sen os que a industria non podería funcionar, e que foron feitos principalmente por mulleres. As mulleres adicáronse principalmente aos oficios de atadeiras e redeiras. O oficio da atadeira estivo sempre relacionado coa confección e mantementos doas aparellos da pesca de baixura, sen os que os homes non poderían capturar a mercadoría. Traballaban nos portos, nas praias ou incluso en alpendres.

Cando amarraban unha rotura, sentábanse descalzas e apoiaban o aparello no dedo gordo dos pés dunha parte e sentábanse na outra. Así, estiraban o aparello para que estivese tenso. Despois, cunha agulla de madeira que tiña o fío arredor ían cosendo. Usaban a mesma forma de atar sempre. Usaban tamén tesoiras para ir cortando as mallas que estaban rotas. Ademais, para poder traballar tiñan que preparar todo o material primeiro. Todo isto a plena luz do sol, polo que ás veces levaban panos na cabeza ou sombreiros polo calor que facía. 

Moitas veces era un traballo esporádico, posto que dependían de se había roturas ou non nos aparellos. Os aparellos cos que máis traballaban eran o “racú”, a “arte”, o “boliche”, a “rapeta”, o “rastro”, o “bou”, o “xeito”, o “trasmallo” e a “ardora”. 

O oficio aprendíase normalmente no eido familiar dado que adoitaban ser as familiares dos mariñeiros (fillas, mulleres, nais, etc.) as que arranxaban os aparellos para que puideran volver ao mar o antes posible. Acadaban así unha formación que lle servía para poder traballar tamén para fóra. A súa vocación facíanas conscientes de que formaban parte da cadea de produción do peixe. 

As xornadas podían ser moi longas se había moitos aparellos que reparar. Por iso, para facer o traballo máis soportable, contaban contos e entoaban cantigas facendo chocar as agullas sobre o solo, os cestos ou as patelas.

Cando veño do axexo
cando vou para a luzada
quérote ver atadeira
sempre no muelle sentada.

As mulleres de Moaña e o seu labor no mar. - Captura de pantalla 2023 03 25 a las 16.16.25
Choque das agullas sobre os cestos para acompañar os cantos. Foto do Aquivo de Xavier Blanco.

Como cantan, como cantan as atadeiras do mar todos os barcos dan volta para oilas cantar. 

O soldo das mulleres era moi baixo para todo o traballo que facían. As mulleres gañaban seis reais, que en comparación co que gañaban os mariñeiros era moi pouco. Ademais, traballaban moitas horas, de sol a sol. Non era considerado un traballo, senón favores da familia para os mariñeiros. Non tiñan tampouco dereitos laborais. Por isto, o oficio foi perdendo interese e profesionalidade. Ante esta falta de relevo xeracional iniciouse un proceso de dignificación para salvar o oficio. Sen atadeiras non había aparellos, nin pesca, nin peixe nas lonxas. Ademais, tampouco hai máquinas que igualasen o traballo artesanal destas mulleres.

De todos xeitos, as mulleres non só se relegaban ao traballo de atadeiras ou redeiras, senón que tiñan máis funcións na labor do mar. As mulleres ían a praia e mariscaban igual que facían os homes e incluso traballaban máis ca eles. Iso si, a diferencia dos homes, o seu traballo sempre se desenvolvía en terra, nunca ían nas embarcacións. Nas campañas de marisqueo a participación era case na súa totalidade das mulleres, posto que os homes estaban embarcados no mar. Elas facían o marisqueo a pe até que viñeron os homes a mariscar con angazos nos barcos e quitáronlle valor ás mulleres. De todos xeitos, podemos corroborar a importancia destas mulleres aínda a día de hoxe, posto que é moi común velas de vez en cando na praia da Xunqueira mariscando.  Ás veces, as mulleres axudaban nos oficios baixos, indo polas noites nas chalanas cos seus homes. Isto xa era un oficio de carácter familiar. Facían a mesma función cos homes. Despois, en terra, ás veces limpaban os botes e as chalanas dos maridos. Ademais, vendían o peixe capturado polas casas e, posteriormente, na Praza de Abastos. Cando había feira, tamén o vendían aquí.


Bibliografía
  • Nogueira Blanco, X. (2021). As atadeiras do mar. Xavier Blanco, mestre da memoria. 
  • Villaverde Román, X. C. (2021). O MAR 7.5. TRABALLOS DA MULLER [Conjunto de datos]. En APOI. http://apoi.museodopobo.gal/id/eprint/647 

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación