A longa historia do entroido en Moaña.

Comparsa Los Duentes (1913). En Méndez, M. (2015) “Un entroido histórico I”.

O entroido era a festa máis importante do ano en toda Galicia a comezos do século XX e durante a II República. En 1936 prohibiríase a súa celebración co comezo da Guerra Civil. A súa recuperación constátase no ano 1981, puidendo observala no IV tomo do libro Moaña, historia fotográfica, onde se recollen fotos históricas do entroido moañés. Nelas podemos observar as comparsas do momento e moitas das xentes que se suman á festa do entroido individualmente ou en grupos organizados. O gran número de fotografías recollidas demostra a importancia da festa do entroido e a participación numerosa da mocidade.

A festa máis importante até a ditadura. 

O número de comparsas entes de 1936 era elevado para unha vila como Moaña, algunhas incluso ían a Vigo, onde eran tamén moi ben recibidas. Algunhas delas foron Os Cazadores, Os Labregos, Os Mariñeiros – Náufragos, Los Villanos, Os Curiosos, Os Contrarrilleiros, Os Gatos, Os Reflectores, etc. As comparsas eran elementos moi importantes dentro da festa. Todas tiñan os seus directores musicais e ás veces encargaban as letras e a música a compositores moañeses ou de Cangas. Tamén tiñan a costume de nomear unha madriña, normalmente á filla dunha casa que tivera certo poderío económico para que puideran ir cantar alí e seren convidados a unha boa merenda. 

A respecto das comparsas, podemos reproducir unha pequena crónica publicada no xornal Faro de Vigo, no 6 de febreiro de 1913:

El Carnaval de Moaña. La comparsa Los Duendes.

“La notable agrupación que presidida por D. Tomás Pérez entusiasta industrial de esta villa, fué a esa ciudad en la tarde del martes de Carnaval, regresó satisfechísima a Moaña por las atenciones de que fué objeto en Vigo. La bella señora Máxima Pujol, presidenta honoraria de la agrupación, además de los obsequios de que hizo a los individuos de la comparsa -champaña y habanos- regaló a la bandera una preciosa corbata bordada en oro con la siguiente dedicatoria: Su presidenta a Los Duendes de la villa de Moaña, carnaval de 1913. La Sociedad Recreativa de esta villa celebró anocje un baile en el grupo escolar. La fiesta estuvo concurridísima. Asistió a ella la comparsa que había ido a Vigo. La animación no decayó un momento desde las nueve de la noche hasta las cuatro de la madrugada. No hubo el más ligero incidente”

Até 1980 o entroido non volveu a recuperar a forza que tivera antes do franquismo. Durante aqueles anos escuros sómente se permitían os bailes de entroido e podían saír os Curruvellos vestidos con roupas vellas e a cara tapada meténdose coa xente. 

A Asociación de Veciños Breogán planificou os primeiros enterros da Sardiña coa colaboración da comparsa marinense Xarangallo Mángallo a partir de 1981, coincidindo co domingo de Piñata. Foi un éxito en canto á participación e ao público. A Sardiña saía dende a praza de abastos e despois percorría as rúas de Concepción Arenal, Ramón Cabanillas e Méndez Núñez. Remataba cun discurso do alcalde e o rezo da letanía da sardiña importada dunha tradición marinense de 1895. 

En 1982 volveuse a organizar o enterro con saída da praza e despois de percorrer Concepción Arenal e Ramón Cabanillas baixou até o Con e rematou de novo na praza. Apareceron catro comparsas en Moaña: Renovación de Abelendo, A Santa Sede, Tinta Femia e As Criadas de Servir (que logo serán As Vinte en Rosa). Houbo tamén discurso do alcalde e letanía da sardiña para rematar. A partires dese ano vense celebrando ininterrompidamente cun gran éxito de participación en número de comparsas moañesas e dos arredores (Coiro, Aldán ou Vigo). O público pode calcularse en varios milleiros de persoas todos os anos. 

Nos anos seguintes o incremento do número de comparsas foi espectacular, chegando a contabilizarse 27 en 1986. A maioría delas editan un cancioneiro cunha media de catro temas diferentes, moi críticos e practicamente todos en galego. 

A participación dos nenos e nenas foi tan grande que houbo que planificar un enterro da Xoubiña para eles dende o ano 2002 e que se realiza o sábado anterior ao domingo de Piñata, dende o Con até o palco da música. Neste enterro colaboran todos os colexios do concello e os centros de Educación Infantil.

Cómpre sinalar que dende a Asociación Meiramar Axóuxeres recuperouse o entroido tradicional  de Meira coas Madamas e Galáns, Os Fedellosos, Homes do saco e Curruvellos recollendo datos do arquivo sonoro do concello e, sobre todo, de Genoveva Corrales Martínez, Modesta Calvar Rodríguez e José del Río (José de Chiscorio). 


Bibliografía

  • Asociación Cultural Nós (2013). O entroido onte. Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña. 
  • Méndez, M. (2015). Un entroido histórico I. Centro de Documentación Local Biblioteca Pública de Moaña. 
  • Méndez, M. (2015). Un entroido histórico II. Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña. 

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación