A liñaxe Romai | O Pazo do Rosal.

O Pazo do Rosal estivo habitado dende moitos séculos por familias nobres ou fidalgas que non eran orixinarias do noso concello. Porén, as súas actuacións en construccións como este pazo foron clave na historia do noso concello. Imos ver agora a importancia da familia Romai.

Para coñecer os antecedentes máis afastados do que se coñece no noso concello como Pazo de O Rosal debemos remontarnos até a segunda metade do século XVI e o primeiro terzo da centuria seguinte. Neste momento prodúcense unha serie de herdanzas familiares que van decantando as propiedades de Moaña cara a liñaxe fidalga dos Romai. O proceso de sucesión remata coa concentración das propiedades en mans de Catalina López de Romai e o seu esposo Álvaro Suárez de Deza. O matrimonio establecería sobre as propiedades un vínculo e morgado xa que non tiñan descendencia e tendo como base O Rosal, que posteriormente será enseñoreado durante longo tempo pola liñaxe dos Saavedra.

A primeira referencia sobre O Rosal aparece na partixa dos bens do rexedor pontevedrés Alonso García de Raxó e da súa muller Constanza López de Romai, primeira con ese nome. Os bens familiares repartíronse entre Jácome García de Raxó, Pedro Vázquez de Abreu e o licenciado Alonso Pérez de Pagos, Correxidor de Ponferrada, veciño da vila de Cangas. A base da economía da familia descansaba nas posesións de terras, entre as que atopamos a O Rosal.

En 1571 atopamos outra partixa, esta vez de bens na Fraga e Verducedo, que levaba dona Constanza López de Romai e contra os que reclamaban os seus irmáns Fernando de Romai e Pedro de Romai. Este último xa tiña presentado un recurso ante a Xustiza de Cangas no 1559, esixindo o inventario e reconto da terceira parte da herdanza que lle correspondía por morte dos seus pais, nos que estaba intruso o citado Fernando de Romai, dono das casas e terras de O Rosal. 

Celébrase un preito en 1600, ante a Real Audiencia de Galicia, presentado polo capitán Álvaro Suárez de Deza e a súa dona, veciños de Vigo, contra os outros tres fillos que ficaran de Fernando de Romai e Catalina Álvarez Saavedra, residentes en Cangas. Deste matrimonio nacen Álvaro de Romai, casado con Elvira Prego de Montaos, Francisco de Romai, casado con Beatriz Suárez de Avalle, e Pedro de Romai. Este último casará con Inés Rodríguez Troncoso e terán a Urraca Falcoa Romai, quen casará con Nicolás de Pazos e terán a Gonzalo Saavedra, primeiro señor de O Rosal.

A liñaxe Romai | O Pazo do Rosal. - Captura de pantalla 2023 04 26 a las 20.12.08
Xeneanoloxía da Familia Romai

O matrimonio de Constanza López de Romai con Álvaro Suárez de Deza foi adquirindo pouco a pouco moitas das propiedades situadas en Moaña a través de compras continuadas. En 1602 mercan a Francisco de Romai a parte de herdanza que lle tiña correspondido. Cando morreron vincularon tódalas súas propiedades, tanto o capital aportado na dote do casamento como as terras que foron agregando en compañía. De entre estas terras, o núcleo principal atopábase en O Rosal, onde atopábanse as terras de Chan do Agro de Gatos, Subriego, Estripeiro, Rapadouro, Xunto á Igrexa, Campo e Sande. Sobre elas vaise levantar a hoxe coñecida como Casa do Rosal, que pasaría a mans do seu sobriño Gonzalo Sáavedra, ao non ter descendencia directa. 

Xunto con este morgado, o capitán Álvaro Suárez de Deza, polo seu testamento en 1627 deixaba unha fundación pía composta por unha misa semanaria e tres cantadas, as que no 1631 pasarán a súas cada semana e aumentando as rendas para o seu sustento e deixando como primeiro patrono ao consabido Gonzalo Saavedra. Esta obra pía estaría dotada cun conxunto de rendas sobre catro lugares de Moaña e Meira. 


Bibliografía

  • García Barreiro, M. U. (2013). Couto e Pazo do Rosal, Moaña. Gráficas Lasa, Moaña. 
  • García Barreiro, M. U. (2020). Os muíños da Paradela que no século XVIII pertenceron a un abade da familia do Rosal. Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña. 
  • González Fernández, X. M., Villaverde Román, X.C. & Pérez Rúa, M. (2012). A casa fidalga do Rosal, Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.
  • Villaverde Román, X. C. (2015). Derradeiros sucesores da dinastía Saavedra da casa-pazo de O Rosal en Moaña, Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña.

Galería de imaxes

Documentación

Arquivos

Audios

Vídeos

Ubicación