O patrimonio de Moaña agarda por ti.
A cultura é un tesouro. O noso tesouro.
Ata os nosos días chegaron diversas versións de lendas que falan dos tesouros agochados nas covas de Moaña. As diferentes narracións comparten unha idea: hai un tesouro por descubrir en Moaña. Esta páxina é unha delas, unha cova da memoria, dos costumes, das músicas, dos monumentos, das paisaxes e dos persoeiros que deron forma a realidade da nosa vila. O Tesouro de Moaña é unha plataforma aberta para dar a coñecer o patrimonio, a cultura e a historia local, o noso tesouro común.
O tesouro agarda por ti. O Concello de Moaña pon a disposición da cidadanía este soporte co fin de acoller, organizar e divulgar o patrimonio da vila. Os saberes recollidos nesta páxina son unha riqueza colectiva que podemos manter viva e artellar en colaboración, pois non se reunen únicamente para contemplar, senón para medrar e incluírmos novos bens. Mediante as valiosas achegas de investigadores, técnicas, entidades culturais e persoas colaboradoras queremos facilitar o acceso á información cultural e poder ofrecer contido de calidade, rigoroso e contrastado sobre a memoria local.
O Tesouro de Moaña é, ademais, unha ferramenta co propósito de promover e conservar a investigación en Humanidades, así como impulsar a transferencia de coñecemento sobre o ámbito patrimonial, para o cal se proporciona un buscador avanzado do repositorio.
Co patrimonio, tes ouro.